VIALIA
bannerPicnicSesions

Los Punsetes, Fillas de Cassandra e The Limboos actuarán no Festival de Cans

Ademais dunha nutrida programación cinematográfica, o Festival de Cans caracterízase por achegar á vila porriñesa numerosas propostas musicais tanto galegas como de fóra. Este ano destacan os nomes de Los Punsetes, Fillas de Cassandra, The Limboos, Mr. Kilombo ou Serial Killerz. Consulta aquí toda a programación.

Foto da presentación do XX Festival de Cans | Cristina Padín

O Festival de Cans presentou este mércores a súa XX edición, que terá lugar nesta aldea de O Porriño durante cinco días, entre o 16 e o 20 de maio. O director do festival, Alfonso Pato, anunciou un vixésimo aniversario “cargado de emoción, con sorpresas, e que será un reencontro de vellos amigos”. Entre eles destaca a presenza da actriz Nathalie Poza, protagonista do filme Honeymoon, que abrirá o festival, do Premio de Honor Luis Zahera e outros como Javier Gutiérrez, María Vázquez, Diego Anido, Nerea Barros ou Tamar Novas.

No coloquio da Leira, o día Grande do festival, está previsto un emotivo encontro que reunirá a moitas e moitos dos recoñecidos co Premio Pedigree ao longo destes 20 anos, entre eles Antonio Durán “Morris”, que foi xurado na primeira edición do certame. Nesta idea de reencontro tamén presentarán algúns filmes directores agora recoñecidos que comezaron como curtametraxistas en Cans como Enrique Otero, Álvaro Gago ou Alberto Vázquez.

O certame tamén segue apostando polas conexións internacionais, coa retrospectiva da directora franco-armenia Valérie Massadian, premiada en prestixiosos festivais como Locarno, que viaxará a Cans para presentar parte da súa obra inédita en España.

A XX edición de Cans virá cargada de coloquios, de estreas de longametraxes e curtametraxes, da recuperación da parte educativa dos colexios e da volta do público ós chimpíns. Tamén haberá moita música, en moitos casos vinculada a obras que se proxectan no festival. Haberá ata 25 actuacións musicais de diferentes estilos, entre as que destacan Los Punsetes o venres, 19 de maio e The Limboos ou Mr.Kilombo no Espazo Estrella Galicia na Leira do Río, no día grande do sábado, 20 de maio.

O Torreiro, espazo emblemático de Cans, será a gran zona de reunión nos coloquios e de concertos como o de Fillas de Cassandra, un dos grupos do momento en Galicia, que actuarán venres 19 ás 20,00 horas, e presentarán antes unha retrospectiva dos seus videoclips, ou a gran celebración de XX aniversario co agardadísimo regreso a Cans de Tony Lomba e Elio dos Santos.

Elio dos Santos e Tony Lomba | Pablo V.

Estreas

REVISTA ABRIL

Na XX edición do festival proxectaranse cerca dun centenar de obras audiovisuais, das cales haberá máis de 30 estreas. Ademáis da preestrea das longametraxes Honeymoon, de Enrique Otero, que se proxectará na apertura do festival no Círculo Recreativo, e de Sica de Carla Subirana, filme que pasou polo Festival de Berlín e que se poderá ver no Baixo de Bugarín en Cans o venres, 19 de maio. Unha das grandes novidades de Cans será a gran celebración da lingua no Día  das Letras, coa proxección de Matria e o coloquio coa protagonista María Vázquez, así como a estrea de Florencio, o cego dos Vilares, de Pancho Álvarez, con sesión vermú incluída no Torreiro.

Entradas para asistir ás curtas nos jalpóns, a piques de esgotarse.

As entradas para acceder ós jalpóns e poder asistir ás proxeccións das obras a concurso están a piques de esgotarse para algunhas sesións. Na sesión matinal do sábado quedan menos de 20 tickets na categoría de ficción e menos de 30 para a categoría “Furacáns” de non ficción. Do mesmo xeito quedan poucas entradas para as actuacións no Galiñeiro da poeta e acordeonista Rosalía Fernández Rial e do cantautor chileno Nano Stern., ambas cun aforo de só 75 persoas. As últimas poden conseguirse a 5 euros en www.festivaldecans.gal.