CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

‘O corno’, ‘Matria’ e múltiples actividades para celebrar o 25N

A Concellería de Igualdade do Concello de Vigo propón numerosas actividades para este mes de novembro co gallo do 25N, o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Entre toda a programación destacan as proxeccións de O corno de Jaiona Camborda, gañadora da Cunha de Ouro en San Sebastián; Matria, do vigués Álvaro Gago e o concerto de Caamaño & Ameixeiras. Case todas as actividades son de balde.

O programa de actos con motivo da conmemoración do 25N, baixo o lema Non máis violencia por ser muller, comeza este mércores ,8 de novembro, coa actuación musical de Caamaño & Ameixeiras no Auditorio Municipal ás 20:00. O dúo é un dos máis destacados da nova onda renovadora do folclore galego e a súa actuación é gratuíta ata completar capacidade. O apartado musical complétase co concerto de Las Antonias, o sábado 2 de decembro no Marco, que se encargarán de pechar este amplo programa feminista.

CAMELIAS NADAL
Caamño & Ameixeiras | Cedida

No relativo ás artes escénicas e espectáculos variados temos o show de maxia A igualdade non ten truco, o domingo 12 no Auditorio Municipal; as obra Iphixenia na porta do súper, o mércores 15 e Bravas, o venres 17, ambas no Auditorio Municipal; e a performance Escombro, o 25N antes da manifestación, diante do Marco.

En canto as charlas e xornadas formativas comezamos co coloquio Creación e humor con perspectiva feminista, o martes 14 no Marco con Diana López, quen tamén proxectará a súa curta Feminazi; o relatorio Tecendo mundos feministas, o xoves 23 no Auditorio Municipal; a actividade con alumnado da ESO, bacharelato e FP Enlaza Vigo contra a violencia de xénero, o venres 24 no Auditorio Mar de Vigo; e, por último, o as xornadas formativas O negacionismo é machismo, con convidadas como Yolanda Castaño, Priscila Retamozo ou As Peaky Branders, que terá lugar no Marco o luns 27 e o martes 28.

Para finalizar, a proposta cinematográfica é tamén de moito nivel, pois o xoves 16 poderemos ver no Auditorio Municipal, e de balde, a flamante gañadora da Cuncha de Ouro no prestixioso festival de San Sebastián: O corno de Jaione Camborda. A autora estará presente para participar nun coloquio ao remate da cinta. O cineasta vigués Álvaro Gago tamén estará presente o martes 21 no Marco para presentar Matria e charlas cos asistentes ao remate da película, protagonizada pola tamén olívica María Vázquez (nominada aos premios Goya polo seu papel neste filme).