REVISTA ABRIL

O colectivo FENTO prende a mecha da revolución na moda viguesa

Aínda que xa levan meses a traballar no Impact Hub, a presentación á sociedade do colectivo FENTO realizarase esta fin de semana, no marco do programa internacional bautizado como Fashion Revolution Week.

O 23 de abril de 2013 as paredes do Rana Plaza, un edificio industrial de Dacca, a capital de Bangladesh, ruxiron. 24 horas despois, e ante a innación dos responsables das marcas que alí producían, a construcción colapsou, aplastando baixo os escombros ás suás apiñadas ocupantes. Había alí máis de 4.000 persoas, a maioría traballadoras do sector textil. Un mes máis tarde, o tempo que levou retirar os anacos de teitos, paredes e vigas, confirmouse o que todos temíamos: morreran 1.138 persoas e 2.500 resultaran feridas baixo o edificio esborrallado.

Mentres as bangladesíes esperaban a ser rescatadas entre os escombros, o foco mediático recaeu no custo humano e social da industria da moda e a difusión mundial da catástrofe – históricamente, a cuarta de maior magnitude no ámbito industrial – fixo que, durante uns poucos días, faláramos con indignación das deplorables condicións laborais das traballadoras en países en vías de desenvolvemento, de traballo infantil e dos baixos salarios que manteñen por debaixo do limiar da pobreza a quen cose durante longas xornadas as nosas prendas.

Todas elas son reivindicacións de FENTO, un novo colectivo vigués que aglutina a deseñadores locais concienciados co facer ético das prendas de vestir. Aínda que traballan dende hai meses no Impact Hub de Vigo, a presentación á sociedade deste novo grupo realizarase esta fin de semana, no marco dun programa máis extenso de actividades que conmemoran a traxedia de Bangladesh. FENTO inscríbese así no movemento internacional da Fashion Revolution Week, unha semana para tomar conciencia dos abusos sociais que cometen as grandes marcas de moda – por medio do hashtag #WhoMadeMyClothes, por exemplo – e extender a súa responsabilidade ao plano medioambiental.

REVISTA ABRIL

O venres 26 pola mañá, propóñennos un roteiro polos obradoiros dalgúns dos seus membros para coñecer de primeira man o seu traballo. A visita sae ás 10 desde a Porta do sol. Pola tarde, unha cadea humana e textil tomará a rúa do Príncipe, localización de moitas das grandes marcas de moda ás que piden maior transparencia e xustiza na cadea de produción. A partir das 21h, presentación do colectivo e  lectura do seu manifesto en Aula D, seguida dunha ‘mesa circular’ de debate.

O sábado 27, FENTO convídanos a unha ‘Sesión Vermuda’ na Ronda de Don Bosco, na que haberá música, a oportunidade de coñecer as creacións dos artesáns que forman parte do colectivo e a creación dunha prenda de roupa colectiva. A partir da 13h terá lugar a acción ‘Lo de los trapos’, un desfile atípico no que se lucirán prendas recicladas, organizado por Emaus e Pin Factory.

Con todas estas actividades, FENTO quere reivindicar a necesidade dun sector textil que valore o deseño e a calidade en igual medida que o coidado do medio ambiente e as persoas, unha tendencia mundial que non deixa de crecer.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.