O cine galego pasado, presente e futuro dáse cita en Tui
O festival de documentais máis importante da comunidade acolle a Competición Galicia e rescata a obra esquecida de Bernardino de Lamas. Play Doc celébrase do 7 ao 11 de maio en Tui e ten como sede principal o Teatro Municipal da veciña localidade.

O Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc, celebrará a súa edición de 2025 do 7 ao 11 de maio cunha firme aposta polo cine realizado en Galicia. Nesta 21ª edición o festival prestará especial atención á produción galega e reunirá a diversas xeracións de cineastas patrios, combinando a obra de nomes consagrados co talento de novas voces emerxentes.
Poderemos ver traballos galegos en tres seccións do festival: Competición Galicia, sección a concurso de traballos actuais; Sobras 02, dedicada á obra de Bernardino Lamas nas décadas dos 20 e 30; e Coming Soon, un adianto de proxectos galegos en desenvolvemento.
Unha das seccións centrais do festival será a Competición Galicia, que este ano presentará unha coidada selección de películas que “reflicten a vitalidade e diversidade do cinema galego contemporáneo”. Estas obras, que inclúen retratos íntimos e familiares, ensaios poéticos e investigacións sobre a memoria colectiva, establecen un diálogo entre o persoal e o político, o documental e o experimental. Entre os títulos que competirán atópanse Delincuente, de Nuria Vil e Alba Domínguez; Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras; Exposed, de Nela Fragas; Maroun regresa a Beirut, de Feyrouz Serhal; Nayan, de Carla Andrade; O costume do traballo, de Luis Morla; O silencio herdado, de Lucía Dapena González; Patios de luz, de Fran Rodríguez Casal; Pura, de Carmen Méndez; Quieres salir puedes entrar, de Pablo Villalobos Leal; Sepáraste moito, de Paula Veleiro; e Un dragón de cien cabezas, de Helena Girón e Samuel Delgado.
Ademais da competición, Play-Doc dedicará un espazo a proxectos en distintas fases de desenvolvemento, baixo a sección Coming Soon: adianto de proxectos galegos en desenvolvemento. Nesta edición presentaranse avances de Kiro, de María Yáñez, sobre a diva pop galega dos 70 e 80; Despois das ciudades, o novo filme ensaio do cineasta Xacio Baño; e Notas entre silencios, o próximo documental de Fon Cortizo sobre a escoita, a música e a xordeira, que contará con músicos de Sumrrá e a coreógrafa Jone San Martin.
O último bloque galego será Sombras, unha sección creada polo recoñecido guionista e produtor galego Pepe Coira co obxectivo de recuperar a memoria do cinema máis próximo e esquecido. Na súa segunda edición, Sombras céntrase na figura de Bernardino de Lamas. Play-Doc presentará 22 das 90 bobinas conservadas pola Filmoteca de Galicia que capturan con espontaneidade excursións, romarías e escenas do día a día, rodadas por afección durante os domingos por este xornalista, montañista e galeguista. O seu traballo, fronte ao cinema comercial, ofrece un arquivo vivo da Galicia dos anos 20 e 30, buscando “deter o tempo e conservar momentos de plenitude”. Esta recuperación foi posible grazas a Manolo González, impulsor do audiovisual galego. A proxección das filmacións de Bernardino de Lamas contará con acompañamento de música en directo a cargo de profesores e estudantes do Conservatorio Profesional e Escola de Música de Tui.