UVIGO
FILLOAS

Play-Doc reivindica o pasado e o presente do cinema galego na súa 20 edición

Play-Doc, o festival de cinema documental de Tui que se celebra do 1 ao 5 de maio, presenta os trece títulos da Competición Galicia e inaugura a sección Sombras, dedicada a recuperar películas de cineastas galegos cuxa obra foi pouco difundida. Preme aquí para consultar toda a programación e mercar entradas.

Play-Doc, Festival Internacional de cinema de Tui, celebra o seu vixésimo aniversario do 1 ao 5 de maio. Ángel Sánchez presentou os contidos da programación e desvelou un amplo programa co cinema galego máis recente. Tamén estivo acompañado na rolda de prensa polo guionista e produtor de cinema Pepe Coira, responsable dun novo programa co que o festival pretende recuperar a obra de históricos cineastas galegos que merecen ser lembrados.

Ao longo dos seus vinte anos de historia, o compromiso do festival co cinema galego foi permanente, servindo como punto de encontro, plataforma de promoción da industria local. Este ano, ademais de contar coa habitual competición de cinema galego, que incluirá 13 películas, entre longametraxes e curtametraxes, Play-Doc inaugurará a sección Sombras, dedicada a recuperar a obra de cineastas galegos clásicos cuxa traxectoria non foi suficientemente difundida.

A tradicional sección competitiva galega propón un percorrido caracterizado pola diversidade de propostas, tanto no formal como no temático. A través dos seus trece títulos, entre longametraxes e curtametraxes, este programa tenta tender pontes entre a memoria e o presente, a través de temáticas ineludibles como son os lazos familiares, a narración oral, a ecoloxía ou as historias de inmigración e emigración. A conexión coas orixes faise presente na maioría dos filmes seleccionados, que buscan reforzar os lazos co pasado a través de historias, mitos e supersticiones, coa familia como protagonista de moitos deles. Consulta aquí toda a programación da sección.

Sombras é un novo espazo que o festival abre dedicado á memoria dese cinema que hai décadas en Galicia se fixo con tanto empeño e talento pero que quizais por sernos tan próximo desatendemos, pero que está infestado de traballos estimulantes, imprevistos, singulares e que o festival quere traer de novo á pantalla.

Play-Doc comeza coa figura de Tony Román, que dirixiu películas emblemáticas dos anos 40 e 50, pero que na súa primeira etapa caracterizouse por un interesante enfoque máis vangardista e experimental que mostraban unha influencia clara dalgúns grandes mestres do cinema como Eisenstein, Ruttmann e Flaherty. Preme aquí para ver máis información.

Xunto á súa variada programación cinematográfica,o Play-Doc contará cunha serie de actividades e eventos especiais que inclúen espectáculos de cinema e música en directo, clases maxistrais, talleres, seminarios e os xa clásicos Cinema Percorridos a través da cidade.ç

O próximo día 1 de maio Play-Doc inaugurará a súa vixésima edición cun espectáculo de cinema e música en directo no que os polifacéticos Víctor Coyote e Javi Álvarez revisitan El crack, de José Luis Garci, película pioneira do cinema negro español. A partir de fragmentos do filme, os artistas galegos experimentan e constrúen unha obra nova que conserva a alma sórdida e costumista da orixinal. Protagonizada por Alfredo Landa, El crack (1981) é un escuro neo-noir ambientado en Madrid e Nova York, que se atopa entre os grandes clásicos do cinema español.

A través de percorridos nocturnos guiados pola cidade monumental de Tui, os espectadores poderán gozar de varias paradas no camiño para descubrir performances audiovisuais en directo situadas en edificios históricos da cidade. Cinema Percorridos é un evento único e orixinal producido en exclusiva por Play-Doc que expón unha exploración polos novos camiños da creación audiovisual contemporánea levando ao cinema máis aló da pantalla tradicional.

A recoñecida cineasta e pioneira do cinema independente norteamericano, Bette Gordon, autora do clásico Variety (1983) e coñecida polas súas audaces exploracións da sexualidade, o desexo e o poder, falará sobre a cultura cinematográfica xurdida na escena de Nova York durante a década dos 80, en relación coa arte, a música e a performance.

CAMELIAS NADAL

Os días 4 e 5 de maio terá lugar un seminario realizado en colaboración coa revista dixital A Cuarta Parede e dirixido a todas aquelas persoas interesadas en profundar no papel que exercen a crítica e os festivais de cinema fronte aos canons actuais de programación en Galicia, Portugal e Latinoamérica. Contará con investigadores e profesionais como o crítico de cinema arxentino Diego Lerer (Micropsia), a docente e investigadora especializada en cinema contemporáneo portugués e español Ana Vera (University College Dublin) e o doutor en historia do cinema na Universidade de Santiago de Compostela Iván Villarmea.