O ciclismo máis solidario con ‘Bicis no Nadal’ e ‘Unha bici un sorriso’
O ciclismo será o protagonista de dous eventos solidarios este mes de decembro: a tradicional marcha ciclista popular ‘Bicis no Nadal’ do domingo 16 e a campaña de recollida de bicicletas ‘Unha bici un sorriso’.
Moitas veces vemos eventos deportivos cunha clara vertente solidaria, como é o caso desta marcha ciclista popular ‘Bicis no Nadal’, que se vén celebrando desde hai máis de 30 anos polo Club Ciclista Vigués. Esta será o domingo 16 de decembro ás 10:30, con saída desde a Rúa Areal, onde a Alameda. Haberá recollida de alimentos non perecedeiros e ao rematar terá lugar un sorteo de agasallos.
O percorrido será o seguinte: Concepción Areal, Cánovas del Castillo, Beiramar, Rúa Coruña, Praza América, Castelao (xiro na rotonda a altura C/. O Grove), Praza América, Gran Vía, Praza de España, Pizarro, Travesía de Vigo, Avda. Buenos Aires, Sanjurjo Badía, Avda. García Barbón, e de novo ao Areal. En total, pouco máis de 13 quilómetros. Desde a organización recoñecen que a asistencia a este evento ao longo dos anos foi moi irregular, xa que son unhas datas complicadas e a climatoloxía non sempre acompaña.
Por outra parte, este mes está a ter lugar o programa municipal solidario de recollida de bicicletas ‘Unha bici un sorriso’, impulsado polo Concello e pola asociación A Golpe de Pedal. A iniciativa consiste en doar as bicis que teñamos collendo po no trasteiro aos diferentes puntos de recollida(Máis que bicis, Cromoly, Trans cero, Bicitotal, Extreambike, Sportpasion, Lafuga cycling, Nbike, Biciocon, Duran bikes, Galicia en bici, Anca e Gonzalo Aguiar). Alí serán arranxadas para entregarllas a nenos e nenas con menos recursos. Moitas son as tendas e talleres que participan nesta campaña para axudar a que todas estas crianzas gocen dun Nadal mellor.