REVISTA ABRIL

O Certame de relatos Vigo Histórico abre o prazo de presentación de obras

As letras empezan a sobrevoar a cidade co inicio do Certame de relatos Vigo Histórico. A Porta do Sol , o Castro, a Praia de Samil, o Porto ou mesmo as Illas Cíes converteranse en protagonistas de accións literarias coa sexta edición deste concurso, que abre o prazo de presentación de obras ata o 1 de xullo

A sexta edición de Vigo Histórico, que busca desde os inicios do certame elevar á cidade como lugar protagonista na literatura, comeza desde hoxe a recibir as obras, cun máximo de 8.000 caracteres e escritas ben en galego ben en castelán.

Deste xeito, as e os autores que desexen participar deben presentar traballos nos que a cidade cumpra un papel transcendental no argumento do relato, ao mesmo nivel que as personaxes ou a trama, nun máximo de catro folios de extensión.

O primeiro día do mes de xullo remata o prazo para que as e os creadores envíen á organización de Vigo Histórico as súas obras. A partir deste momento, o xurado, que este ano conta cunha nova incorporación, o historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Luis Mateo Álvarez, decidirá quen recibe o primeiro premio de 1.000 euros, o segundo posto, recoñecido coa cantidade de 500 euros e os catro accésit galardoados con 200 euros cada un.

O alcalde da cidade, Abel Caballero; o editor da Editorial Elvira, Javier Romero e o xornalista e membro do xurado no certame literario, Jacobo Buceta, presentaron nun acto a nova convocatoria do concurso así como o cartel, realizado pola licenciada en Belas Artes Natalia Umpiérrez.

REVISTA ABRIL

Xunto co historiador Jose Luis Mateo Álvarez e o xornalista Jacobo Buceta, a escritora Ledicia Costas, o pintor Antón Pulido, a xornalista Noelia Otero ou a filóloga Concepción Varela, entre outros, forman tamén parte do xurado encargado de nomear ás e aos gañadores do concurso.

Ademais, o xurado encargarase de seleccionar aqueles relatos que, pola súa calidade e ainda non resultando premiados, acompañarán ás obras galardoadas no libro “Relatos na Rúa”

Pola súa parte, a Fundación Igualarte, espazo no que se traballa a arte con persoas con capacidades diferentes, repite, por segundo ano consecutivo, o seu vecellamento co Certame de relatos Vigo Histórico.

The following two tabs change content below.

Eva M. Porto

Dende que a súa nai e o seu pai lle regalaron o libro dos por ques, decidiu que sería a nena que buscaría sempre os porqués. Estudou o Grao en estudos do galego e do español na Universidade de Vigo e no 2016 comezou o Grao de Periodismo na Universidade Europea Miguel de Cervantes. Aprendou o “oficio máis bonito do mundo” en Radio Vigo, Diario de Pontevedra e Onda Cero Ourense. Protestando dende 1993.