CAMELIAS MASCOTAS

O Centro de Investigación Mariña estrea visita virtual

O CIM lanxa hoxe a cuarta edición das Xornadas Ciencia Singular, que este ano se realizan de xeito online. O público poderá interaccionar coa comunidade científica a través de faladoiros e videoconferencias e participar en múltiples actividades para coñecer de preto o traballo dos seus 15 grupos de investigación. A plataforma ponse en marcha hoxe e estará aberta ata o vindeiro venres 18.

REVISTA NOVEMBRO

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, abrirá este venres e sábado 11 e 12 de decembro as súas portas ao público coa estrea da web virtualcim.uvigo.gal, unha plataforma na que acceder de xeito moi divulgativo ao traballo que realizan a diario os 15 grupos de investigación que forman parte deste centro. “Nestas xornadas damos a coñecer a investigación mariña e de vangarda que as nosas 200 investigadoras e investigadores desenvolven con paixón e dedicación ao longo de todo o ano”, explica Daniel Rey, director do CIM, no vídeo de presentación das xornadas, ao engade que pese ás difíciles circunstancias que se están a vivir derivadas da pandemia o centro non quixo renunciar á celebración dun evento que, ano a ano, lles dá a oportunidade de achegarse á cidadanía.

Nesta ocasión a visita virtual está estruturada en catro bloques que reflicten as catro áreas nas que se localizan os laboratorios do CIM: a Ecimat, na illa de Toralla; os edificios Olimpia Valencia e Ciencias Experimentais no campus de Vigo, e o edificio do Campus da Auga no caso de Ourense. En cada edificio, ademais de varias páxinas con vídeos e etiquetas informativas, existirá un chat e unha sala de videoconferencia a través do que o público poderá lanzar as súas preguntas e interactuar en directo co persoal investigador que traballa no CIM. Este faladoiro porase en marcha hoxe venres e manterase aberto ata o venres 18, de modo que as persoas interesadas poidan deixar as súas mensaxes ou dúbidas que logo responderán as investigadoras ou investigadores que correspondan.

Ao igual que en anos anteriores a visita manterá o seu carácter marcadamente divulgativo e está pensada para o público en xeral. Neste sentido, desde o equipo organizador faise fincapé en que nos vindeiros meses os vídeos serán subtitulados para difundilos tamén a nivel internacional.