CAMELIAS

O Centro Comercial Camelias tira de nostalxia no seu 30º aniversario cunha exposición fotográfica

O Centro Comercial Camelias, o decano da cidade, celebra este venres 18 o seu 30º aniversario con diferentes actividades como proxeccións, exposicións, torta, animación infantil e sorteos. O camiño non foi doado, pero aquí seguen tres décadas despois malia a forte competencia do sector.

Construción do CC Camelias na década dos noventa | Cedida

Moitas cousas cambiaron desde 1994, ano en que abría as súas portas en Praza América o Centro Comercial Camelias. Un destes cambios, de feito, é a propia praza, que desde hai uns anos é peonil, substituíndo a fonte onde milleiros de celtistas se teñen bañado para celebrar os éxitos do equipo vigués. Pero, quizais, as diferenzas máis notables teñen que ver cos hábitos de consumo da poboación e o aumento da competencia, especialmente no ámbito das grandes superficies.

Daquelas non había máis centros comerciais en Vigo, pero si existían os grandes almacéns de El Corte Inglés, inaugurados en 1975 en plena Gran Vía. Co paso dos anos foron chegando o resto de grandes superficies: Plaza Elíptica, Travesía, A Laxe, Gran Vía, Vialia… O Centro Comercial Camelias, que vén de cambiar a dirección hai uns meses, busca asentarse como un punto de comercio local e de proximidade, a diferenza das multinacionais que copan o resto de centros.

Presentación da maqueta do CC Camelias | Cedida

Xusto sobre o gran cambio vivido nestes 30 anos trata a exposición Bajo el lucernario, que van inaugurar este venres 18 xunto co resto de actividades do aniversario. A mostra está formada por fotografías da zona de Travesas, tanto antes como nos inicios de centro comercial: “Contan a historia de como creceu e evolucionou a cidade e o sector dos centros comerciais, neste caso o Camelias en concreto”, explica Jesús L. Cortiñas, encargado de organizar a mostra fotográfica. As imaxes foron cedidas por diferentes arquivos e servirán para lembrar vellos tempos ou, para os máis novos, saber como era todo aquilo antes de nacer. A idea é manter a exposición no centro comercial ao longo de 12 meses.

Construción do CC Camelias | Cedida

Por outra banda, o venres proxectarase un vídeo que leva por título Entre Camelias, formado por entrevistas a clientes e traballadores do centro, tanto antigos como actuais. “Saíron cousas moi emocionantes; a xente tenlle moito apego ao centro comercial e á zona”, engade Jesús. O vídeo poderá consultarse nas redes sociais de Camelias máis adiante, pasada a data do aniversario.

REVISTA OUTUBRO
Fotograma de Entre Camelias