REVISTA ABRIL

O camiño da Movida

[Continuación da reportaxe A década máis longa da historia]

Coméntase que daquela había máis bandas que músicos, xa que cada un estaba en varias agrupacións, pero tamén é certo que moitos destes grupos non chegaron a destacar ou a publicar nada. Así, a maiores dos recoñecidos resultados de Siniestro Total, Golpes Bajos, Aerolíneas Federales, Os Resentidos ou Semen Up, había unha segunda e terceira división na que xogaban grupos como Averno, Club Naval, Bajo en Nicotina, El Acto, Los Cafres, Los Culpables, Los Ratones, Moncho e mailos Saponconchos, Quorum, Ultramarinos Troncoso e un longo etcétera. O hábitat natural eran as salas de concertos, espazos imprescindibles para a creación de tecido cultural e de calquera movemento musical. O Satchmo, lugar que hoxe ocupa outro bar na rúa de Joaquín Loriga, foi o primeiro que catalizou a frustración pola falta de propostas nocturnas da mocidade viguesa. Siniestro Total foi un dos responsables de que aquel club de jazz abrise as portas a outros xéneros: «Dixémoslles que tocabamos blues e o que faciamos eran barbaridades… Inmediatamente viron que co jazz, como todo o mundo sabe, o único que podes conseguir é morrer de fame», lembra Hernández. A sala foi quedando pequena para a gran demanda que había, polo que en 1982 baixou a persiana para abrila nun antigo cine de Coruxo baixo o nome de Kremlin. Sen saír da cidade, a oferta de todo tipo de bares salas era ben ampla: A Trincheira, Corrígete Charo, Espantallo, Faro’s, La Kama, La Ventana, La Zona, Lucky Luke, Missa, Propaganda, Rass, Reforma… sendo os máis populares El Manco ou Ruralex.

REVISTA ABRIL

E que pasa na actualidade? Acaso non hai Movida? Pois claro que a hai, pero sen necesidade de títulos presuntuosos. Sen saír da zona de Churruca temos unhas cantas opcións para todos os gustos. A sala Kominsky converteuse no epicentro da escena alternativa desde o 2018, con propostas que van da electrónica ao garage e da psicodelia ao folk. É o fogar das vocal free jam sessions e das sesións HALO, caracterizadas pola improvisación e a liberdade creativa. A poucos metros atopamos a sala Doppler, onde os concertos se complementan coas numerosas sesións de DJ que programan ao mes. Músicas urbanas e ritmos caribeños non faltan nesta pista de baile, unha parada obrigada para mover o esqueleto ao ritmo dos mellores selectores. Para gozar dunha gran selección de cervexas, cócteis e demais bebidas espirituosas temos ben preto The Monk Pub, onde tampouco se descoida o apartado musical: os grolos baixan a gusto cun fondo dos mellores ritmos de blues, jazz e rock. Desde o veciño concello de Mos, a salaRebullón ofrece unha axenda cultural sen interrupción nun espazo ben aclimatado e de grandes dimensións onde podemos gozar de moitos concertos, no que talvez poida facer recordar á mítica sala Kremlin.

Pablo Vázquez
Redacción

Paula Cermeño
Fotografía

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.