REVISTA ABRIL

A década máis longa da historia

As efemérides, xunto con dicir que o de antes era moito mellor, son algúns dos pasatempos favoritos dos nostálxicos, eses que viven cun pé no presente e o outro no pasado. Estarán ao tanto, supoñemos, de que este 27 de decembro se fan corenta anos do debut de Siniestro Total no Cine Teatro Salesianos durante o Nadal Rock, un festival organizado polo cantautor Bibiano Morón. Este feito, que podería quedar en mera anécdota, tende a considerarse como a xénese da arquifamosa «Movida viguesa», pedra angular da música local contemporánea.

Pero que foi realmente a Movida? Ademais da nosa axenda de ocio e cultura, foi un movemento contracultural nado en Vigo a comezos dos anos oitenta que tivo na música a principal representación. Como toda tendencia deste estilo, a orixe responde a diversos factores sociais, políticos e culturais. «Vigo vivía unha reconversión do naval moi dura; a cidade estaba moi deprimida, moi triste e, de repente, as cousas fóronse alegrando», comenta Julián Hernández, líder de Siniestro Total, no documental Cuna de músicos (Denis Carballás e Pablo Vázquez, 2017). Cunha democracia acabada de estrear, aquela España en branco e negro pasou a colorearse a base de cultura, lecer e de moita troula. Aínda que, como ben indica o músico Nicolás Pastoriza (Los Buzos, Bromea o qué?) no mesmo filme, «ás veces, cando pasas do branco e negro á cor, a cor é excesiva».

Quizais collendo a remuda de Madrid, Vigo alzouse como unha das cidades do Estado con máis efervescencia artística, deixando atrás a fama de cidade industrial gris, «de provincias». É indubidable que a música tivo moito que ver neste proceso, pero a nosa urbe xa viña mostrando boa saúde neste eido en décadas anteriores: o libro Crónicas de un Vigo Ye-yé. Historia de los conjuntos músico-vocales vigueses y de su entorno (1958-1975) (2008), de Fernando Ferreira Priegue, plasma a cantidade de agrupacións que había nos sesenta e nos setenta. Hai quen considera a Movida como unha continuación daqueloutra etapa, pero o movemento ye-yé foi esmorecendo nos últimos anos de ditadura e na transición, cando o progresismo preferiu a canción protesta.

Se hai un libro que recolle o sentir daqueles anos, ofrecendo numerosos e variados puntos de vista, é Vigo a 80 revolucións por minuto (2011), de Emilio Alonso, xornalista vigués erudito na materia que finou hai pouco máis dun ano. Esta obra supón o achegamento máis exhaustivo ao acontecido naquel tempo, ofrecendo unha chea de material gráfico, declaracións e recortes de prensa da época. No mesmo ano, celebrando as tres décadas daquel Nadal Rock, publicouse Vigo, a explosión dos 80, unha recompilación das mellores imaxes da época do fotógrafo Víctor de las Heras, alias Vitín. Os pés de foto corren a cargo do xornalista Fernando Franco que, por certo, está a preparar un libro sobre o devir da moda en Galicia nas últimas catro décadas, con parada obrigada na Movida, e un apartado musical da man de Silvino Díaz (Aerolíneas Federales).

A historia é un poliedro no que un mesmo feito pode ser interpretado de diferentes maneiras. Non cabe dúbida de que algo aconteceu a nivel cultural hai corenta anos na nosa cidade, pero canto hai de realidade e canto de mercadotecnia? Alonso, no capítulo «A culpa foi de María Xosé Porteiro», sinala que foi a xornalista viguesa, daquela xefa de prensa do Concello, a causante de que España empezase a reparar nesta cidade do noroeste peninsular. No artigo «La posmodernidad toma el poder en Vigo», publicado no diario El País o 14 de abril de 1984, Porteiro debulla este importante movemento de música moderna na nosa cidade. Os vimbios xa existían, pero foi ela quen exportou as cestas alén da «nación viguesa» acuñada por Antón Reixa (Os Resentidos).

Non todas as voces foron favorables, nin moito menos. Nun artigo anónimo da revista El Coyote, publicado en dúas partes entre 1986 e 1987, expóñense algúns puntos menos optimistas sobre todo isto, como que ser posmoderno «significa vestir dunha forma peculiar á última moda, frecuentar determinadas tascas de luxo que se parecen entre si, pertencer a unha clase social alta carente de actitude crítica fronte aos problemas alleos», concluíndo que o paro e a inxustiza social non interesaban na Movida e que non se podía concibir loxicamente un posmoderno proletario, con escasos creadores e moitos os consumidores. Sobre este tema da militancia política, Fernando Franco opina que «non estaban comprometidos e facían ben, pois a xeración inmediatamente anterior xa levaba moitos anos comprometida en loitas de diversa índole e esta foi unha explosión no sentido contrario: de carácter lúdico, creativo e estético». Hai outros aspectos negativos que ás veces se pasan por alto nestes exercicios de memoria: «Pasámolo de puta madre, houbo moita música caralluda… pero tamén foron uns tempos terribles: as drogas fixeron bastantes estragos e a sida fíxose notar bastante; vivir a altas horas da noite causou moitos accidentes, moitas mortes prematuras e algunha que outra desgraza bastante considerable», lembra Pastoriza no devandito documental. Para ilustrar este último apuntamento, cómpre lembrar que a macrodiscoteca de moda daquela era sala Kremlin, na parroquia de Coruxo, á que gran parte da clientela acudía en coche nun máis que dubidoso estado de sobriedade.

A poesía performativa, o xornalismo fanzineiro, as artes expositivas, as videocreacións, a ilustración e a moda gozaron dun auxe poucas veces visto con anterioridade. A pesar de todo, tamén se criticou que outras disciplinas quedasen de costas ao movemento: cinema, literatura, teatro… ou mesmo ciencia e política. O certo é que a música foi a protagonista indiscutible daqueles tempos frenéticos. Siniestro Total, co seu punk rock mal falado, sen prexuízos e cheo de viguismo; e Golpes Bajos, cunha proposta máis escura, ecléctica e posmoderna, foron dous piares sonoros dunha cidade que ata entón nunca contara con representantes de tanto alcance. A pesar do dito de que «calquera tempo pasado foi mellor», a maioría dos músicos e demais persoeiros que participaron naquela onda non dubidan en sinalar que o nivel e a variedade musical son infinitamente mellores na actualidade: «A Movida está mitificada coma calquera recordo; o inmediatamente anterior rexéitase e o de hai dúas ou tres xeracións mitifícase», explica Eladio Santos (Eladio y los Seres Queridos). Suso Hidalgo, da tenda de discos Elepé, vai máis aló: «Hoxe en día é moito mellor o que hai a nivel musical, o que pasa é que aquilo foi unha carallada que fixo moita graza e que se vendeu moi ben».

REVISTA ABRIL

Os políticos non tardaron en entrar en escena, como «compañeiro» Manuel Soto, alcalde de Vigo daquela. Cunha xogada populista anotou o tanto e sacoulle rédito electoralista a todo o que pasaba polas noites nas salas viguesas. Segundo Vitín, «a Movida remata cando se politiza», sinalando como catalizador aquel mítico encontro de movidas en 1986, baixo o slogan «Madrid se escribe con V de Vigo», cuestionable desde a concepción e desastroso na execución. Un evento que representa a opinión que o fotógrafo garda da Movida: «Un produto cun bo deseño no envase, pero con escaso contido». Pastoriza lémbrao así: «A cousa xa estaba entrando en fase de baixada; fletar un tren cun montón de músicos de rock e políticos toda a noite espertos e sobreestimulados non podía acabar ben». E ben non acabou, senón que llo pregunten á rapaza que recibiu un botellazo de Fabio McNamara durante o evento. Quizais xa van sendo horas de pasar páxina, porque como apunta Julián Hernández, «están durando os oitenta máis do que durou ningunha década na historia humanidade».

Pablo Vázquez
Redactor

Víctor de las Heras
Fotógrafo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.