O Barbeira Season Fest apraza a súa celebración por desacordos co Concello de Baiona
O Festival Barbeira Season Fest promovido polas empresas Elemental Street e Recados Carmen, vén de anunciar o aprazamento da edición deste ano, prevista para o 7, 8, 9, 10 e 11 de xuño en Baiona. Os organizadores achacan esta decisión ao “incumprimento dos compromisos por parte do Concello”.
O Festival Barbeira Season Fest, que estaba previsto se celebrase do 7 ao 10 de xuño e contaba no seu cartel con artistas como Iván Ferreiro ou Xoel López, acaba de anunciar o seu aprazamento e sinala estar en busca dun novo emprezamento para a súa celebración. Desde o festival sinalan que “os incumprimentos dos compromisos económicos adquiridos polo Concello de Baiona fan inviable a realización deste evento nas datas e condicións anunciadas”. Segundo os organizadores estes incumprimentos supoñen máis de 90.000 euros en perdas para o festival nos últimos dous anos. Sumado a isto, os organizadores sinalan que tramitaron a solicitude de actividade e ocupación do solo en decembro de 2022 e que non recibiron a autorización ata esta semana e estaba condicionada ao pago de máis de 13.000 € de taxas que “debería asumir o propio Concello dentro da colaboración establecida”, explican desde o festival.
O Barbeira Season Fest sinala que próximamente anunciarán as novas datas de celebración. Todas as persoas que teñen unha entrada comprada, poderán empregala para as novas datas e no caso de non poder asistir desde a organización garante a devolución do importe íntegro.
Por último, desde o festival explican que “O Barbeira Season Fest xerou no ano 2022 en Baiona 150 empregos directos e un retorno económico de máis de 1.400.000 €, se medimos inversión directa, ocupación hoteleira, gasto por asistente, repercusión mediática, etc. Ademais, ao longo destes últimos anos, o Barbeira Season Fest converteu á vila nun referente cultural de modernidade a nivel peninsular.”