O Barbeira Season Fest aposta pola música galega na súa 5ª edición
O Barbeira Season Fest de Baiona anuncia as primeiras confirmacións da súa quinta edición, que se celebrará do 7 ao 11 de xuño do próximo ano. Para celebrar o seu quinto aniversario, a organización confirma a presenza de Xoel López e Iván Ferreiro, que subirán ao escenario xunto a outras bandas do panorama indie de dentro e fóra de Galicia.
O Barbeira Season Fest continúa na liña que o caracterizou durante estes primeiros cinco anos de vida apostando por mesturar a artistas consagrados con bandas emerxentes que “tamén teñen o seu público e merecen o seu espazo”, comentan desde a organización. Este ano adiantan a súa celebración ao mes de xuño, concretamente do mércores 7 ao domingo 11.
Deste xeito, Xoel López e Iván Ferreiro compartirán cartel con outros grupos potentes tamén confirmados como Triángulo de Amor Bizarro ou a artista portuguesa Capicúa. Ademais, sumaranse a esta edición bandas como Margarita Quebrada, Xenia, Firmado Carlota, Lusillón, Aeronave Adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Tarde a todo ou Señora Dj.
Como vén sendo habitual desde o seu nacemento, o Barbeira Season Fest organizará ademais accións vinculadas ao festival que servirán para conectar o certame con diferentes disciplinas culturais e un público máis diverso. Desta maneira, continuarán coordinando o éxitoso “Restaurante máis pequeno do mundo Rías Baixas”, comandado polo chef Rafa Centeno, e repetirán “con máis potencia, o ciclo “Charlas en chanclas” que tan ben funcionou o ano pasado”, aseguran. Desde a organización do Barbeira Season Fest, evento promovido por Elemental Street e Recados Carmen, adiantan que irán anunciando novas sorpresas a medida que se achegue a data da celebración, así como os eventos vinculados ao festival.