CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

O Encordass Fiddle Fest de San Simón aposta pola música de raíz en plena natureza

Unhas semanas antes da celebración do coñecido Festival Sinsal, para o que xa non quedan entradas, a Illa de San Simón acolle outro interesante evento musical: O Encordass Fiddle Fest. Un festival organizado pola Asociación Galicia Fiddle que este ano se centra nos sons da rexión do Rajasthan, cun amplo programa no que participan 40 músicos do 28 ao 30 de xuño. As entradas están á venda a través desta ligazón.

En 2010 naceu ao abeiro da ETRAD (Escola de música tradicional de Vigo) Galicia Fiddle, unha asociación creada por Alfonso Franco e outros profesores de instrumentos de corda da devandita escola. O obxectivo era claro: potenciar o uso do violín e outros instrumentos de corda na música folk e tradicional. Catorce anos despois, podemos dicir que obxectivo está máis que cumprido pois Vigo converteuse nunha gran canteira de violinistas que xa están a facer carreira como é o caso de María Jorge, Antía Ameixeiras, Claudia Abril ou Hugo Franco.

O Encordass Fiddle Fest, emárcase dentro das moitas actividades que propoñen desde esta asociación. Un festival especializado en música de corda, que fomenta a diversidade e o diálogo entre diferentes tradicións e expresións artísticas, promove o patrimonio inmaterial da música popular, o respecto pola natureza e o medio ambiente. A temática deste ano céntrase na música da rexión de Rajasthan, en India, músicos de Jaisalmer virán á Illa de San Simón con instrumentos como a Ravanattha ou o Duluc, empregados na música rajastaní. Xunto a eles actuarán artistas de diferentes nacionalidades, referentes deste estilo musical e tamén haberá representación de músicos galegos.

Nas xornadas de venres e sábado o público parte rumbo a San Simón ás 18:00 h e alí goza de varios concertos e actividades. En cambio o domingo o evento arranca ao mediodía e as actuacións musicais teñen unha orixinal formulación, nas que é o propio público quen decide que artistas quere ver, dentro dun abano de pequenos concertos simultáneos distribuídos pola illa nun formato íntimo e acústico. Tras o solpor, ten lugar no escenario principal do Campo das Alocucións o concerto final, coa participación de tódolos artistas xunto á Encordass Fiddle Orquestra, con máis de 50 músicos de corda sobre o escenario.

SONRIAS

Ademais das actuacións en vivo, os visitantes poderán gozar de catas a cargo da adega Terras Gauda, charlas, danza, unha mostra de luthería e unha festa holi dirixada a rapazada. Tamén faise unha posta en valor da contorna, grazas ás visitas guiadas pola Illa de San Simón.