O 2º ciclo de Metrópole trae ao MARCO as pinturas de Santiago Montes
Hoxe inaugurouse no Museo MARCO a 2ª parte da exposición Metrópole, que busca ofrecer unha visión do panorama artístico galego. Neste caso poderán visitarse as máis de corenta obras de conforman Rara Avis, a exposición do pintor vigués Santiago Morales.
O ciclo Metrópole, comisariado por Rubén Martínez Alonso, naceu cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metropolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. A proposta comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado.
Baixo o título Rara avis, a individual de Santiago Montes reúne máis de corenta pinturas procedentes da colección do artista, ademais de varias obras producidas expresamente para este proxecto (Abstracción I-IV), nas que o artista encara o reto do gran formato, acompañadas de material audiovisual a modo de documentación.
Esta exposición de pintura abstracta está dividida nos seguintes bloques: Enerxía cohesiva, Universo en expansión, Musicalidade, Dual e bipolar e A importancia da cor. Todos eles definen as temáticas e o estilo desta mostra de Morales.
Na outra metade de Metrópole, que funciona como fío conductor das demais exposicións temporais, céntrase na fotografía histórica viguesa e galega. Así, poderemos ver imaxes únicas de míticos fotógrafos galegos como Pacheco, Ksado, Sarabia, Pintos ou Blanco. Ademais do valor estético e documental destas fotografías, todas elas estarán acompañadas por breves textos que engadirán información extra, aumentando a súa relevancia.
Documentos históricos e artísticos a partes iguais, que alcanzan a categoría de verdadeiros superviventes cando falamos de copias de época, positivos saídos directamente do primitivo laboratorio fotográfico e que contaron co visto e prace do artista. Fotografías artísticas de reducidas dimensións, na maioría dos casos, pero cunha gran calidade, que podían ser enviadas como postais ou, simplemente, coleccionadas. Mais tamén atopamos outras de maiores dimensións, que foron concibidas xa como auténticas obras de arte, capaces de competir nos fogares máis acomodados, por exemplo, cos seus tradicionais óleos e acuarelas.
Podes visitar esta exposición, situada no primeiro andar e de balde, de martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00 e domingos de 11.00 a 14:30. Os luns permanecerá pechado. As visitas guiadas, tanto individuais como en grupo, serán de balde.