REVISTA ABRIL

O colectivo Banana Bahía dará este venres o seu último concerto

O colectivo vigués de música urbana Banana Bahia Music despídese como cun último gran concerto este venres 24 de xaneiro na sala Master Club a partir das 21:30. Ademais, o martes 21 sacan un vídeo que pon imaxes ao single La Banana, single do disco La Bahia, que viu a luz este mesmo ano, como único e gran disco en conxunto do colectivo local.

REVISTA ABRIL
Algúns dos integrantes do colectivo

Tras case dous anos sen actuar baixo o nome de Banana Bahía, este venres será a última oportunidade que haberá para velos a todos xuntos sobre un escenario. O lugar escollido será a Sala Master, que acollerá a partir das 21:30 unha verdadeira festa da música urbana. Un xénero no que, baixo etiquetas como rap alternativo ou trap, este colectivo vigués son auténticos precursores a nivel nacional, xa que nos últimos anos fixeron aflorar esta nova linguaxe aínda descoñecida no país.

A través de cancións, discos, colaboracións, concertos, deseños e videoclips foron construíndo un proxecto con imaxe e carácter propio, sendo agora mesmo un absoluto referente en todo o estado. Traballos como Ridin Sucio (2009) de Lacosta (Danni Blee & Movin Fast) ou a mixtape de Kaixo Vs Elecesar Dayship/spaceship (2011) poden ser consideradas pezas pioneiras desta nova corrente que foi medrando ata converterse no que é hoxe, un xénero máis que popular e mainstream.

Banana Bahía viu nacer e medrar a artistas como Royce Rolo, Dirty Suc ou Beauty Pikete, David Avilés, Geazy Rodriguez, Yung Noguera ou Abelo Valis, e así ata máis de 20 profesionais de diferentes disciplinas. Ademais, tamén colaboraron con outros intérpretes de fóra de Galicia como C.Tangana, Sticky MA, Agorazein (no seu momento), Dano, Trad Montana, Alizz o DL Blando. Con este show final queren poñer fin a 11 anos de loita a contracorrente para dar paso a unha nova etapa, na que centrarse en cadanseus proxectos en solitario.

(GMT+01:00) Sala Master Club