Nove actividades imprescincibles do Galician Freaky Film Festival
Esta tarde comeza o Galician Freaky Film Festival, o festival de cine freak e fantástico de Vigo, que por oitavo ano nos deleitará cunha coidada selección de curtametraxes internacionais, espertará a nosa nostalxia coa proxección de filmes de culto dos 80, será punto de encontro de cineastas e artistas de toda a península e faranos desfrutar co seu bo ambiente e actividades paralelas. Toda a programación é na Plaza Elíptica, entre os Cines Tamberlick e a Sala Apo’strophe, e as entradas adquírense na web do certame. Estas son as nove actividades imprescindibles do festival este ano.
A dobre sesión inaugural coa proxección de The Terminator e A Nightmare in Elm Street – Venres 20 ás 19:00 h (6,00 € cada filme ou 10,00 € os dous)
Como nos cines de antes, dúas pelis por (case) o prezo dunha. E ademais dous clásicos dos anos 80: The Terminator e A Nightmare in Elm Street. Rememorar estes dous filmes de culto, en pantalla grande e rodeados de freaks será o punto de partida perfecto para unha semana de gran cine. Seguro que xa vistes nas redes do festival que Freddy Krueger anda solto pola cidade, e esperamos que tanto el como Arnold Schwarzenegger nos fagan unha visita durante a sesión.
O Pequefreak – Sábado de mañá e tarde
Se es pequeno e es freak, tes que vir ao Pequefreak. E se xa es grandeciño, tamén, xa que ás 19:00 proxectarase La Historia Interminable, un clásico da nosa infancia que poderemos desfrutar en pantalla gande. O Pequefreak é unha xornada enteira dirixida a público infantil na que, ademais dun obradoiro de efectos especiais (prazas completas), e o citado peliculón, proxectaranse tres bloques de curtametraxes.
A Selección Oficial de curtametraxes – Do sábado 21 ao sábado 28 (6,00 € cada bloque)
O espiñazo do festival, a xoia da coroa, a nena mimada do equipo de programación. 60 curtametraxes internacionais chegadas de 29 países diferentes, moitas (moitísimas) delas inéditas en Galicia. As curtametraxes están divididas en bloques temáticos de aproximadamente 1 hora, como Ciencia Ficción, Humor Freak, Serie B-estial, Co cu torcido, Arrepío, ou as inclasificables Que carallo e isto?. Todas elas serán sometidas ao veredicto do xurado e do público e optarán a alzarse con algún dos oito premios que reparte o certame.
O Fanzine Bienvenidos a Vigo Street, coas mellores historias do concurso de banda deseñada – Inauguración o mércores ás 17:00 (de balde)
Freddy Krueger é tamén protagonista do Concurso de Banda Deseñada, lanzado polo festival no mes de maio baixo o lema ‘Benvidos a Vigo Street’ e no que participaron máis de 30 artistas locais compartindo o seu “pesadelo vigués”. O mércores coñeceremos aos gañadores do concurso e, se te achegas á entrega de premios, poderás levar un fanzine gratuíto coas mellores historias.
O 20 Aniversario de Toxic Percebe – Mércores 25 ás 20:30 na Sala Apo’strophe (de balde)
O GFFF rememora con esta proxección a paixón pola serie B coa que naceu. Lembremos que a primeira edición do festival foi unha mostra dalgúns dos traballos freaks máis destacados da historia do audiovisual galego, como A matanza caníbal dos garrulos lisérgicos, Galactea ou The Last Patrol. Este ano póñense nostálxicos coa curta Toxic Percebe, dirixida e escrita por Xabier Jácome e Martín Fiallega e protagonizada por uns novísimos Federico Pérez, David Amor e Tonhito de Poi. Todos eles están convidados a comentar a película no festival.
O encontro entre festivais Irmandades do Norte – Venres 27 ás 11:00 (charla de balde) e ás 17:00 (proxección 6,00 €)
Un acontecemento sen precedentes que reunirá a membros do equipo de festivais de fantasía e terror da Galicia, Catalunya e Euskadi. Participan B-RETINA (Catalunya), FANTBOI (Catalunya), Festival Internacional de Cortos y Videoclips Caostica (Euskadi), FANT Bilbao, PANIC (Galiza) e FanCine de Lemos (Galiza). Ademais de mesa redonda tamén haberá un bloque de proxeccións coa mellor curta que pasou por cada festi.
A FFFG: Feira Freak e Fantástica (en ambos sentidos) de Galicia – Venres 27 e sábado 28 no espazo central da Plaza Elíptica
Mercado de artesanía, ilustración, figuras, complementos, cómics, disfraces e moitas máis cousas molonas.
Os obradoiros de guión e carteis de cine – Guión: venres e sábado ás 11:00 na escola de deseño Aula D (45,00 €) | Carteis: sábado ás 9:30 na escola de deseño Aula D (40,00 €)
Unha das grandes novidades da oitava edición é a celebración de cursos. A próxima fin de semana terá lugar un obradoiro obradoiro de guión de terror impartido por Javier Trigales e Raúl Cerezo, titulado Con S de Sangue; e outro para aprender a facer o cartel dun filme, impartido por Sergio González Kuhn, fundador do estudo creativo Barfutura e responsable de centos de carteis de filmes e series moi recoñecibles, como Campeones, Patria, El Bar, Los Crímenes de Oxford, La isla Mínima, Julieta, Pieles ou Tadeo Jones.
A Videodrome – Do venres 20 ao sábado 28 na Sala Apo’strophe
O punto de encontro dos freaks é a Sala Videodrome, situada na Sala Apo’strophe da Plaza Elíptica. Alí está a barra do festi, na que pedir un refrixerio, comentar o visionado e facer novos amigos. Nesta sala tamén están as expos e realízanse ás actividades paralelas, polo que é o punto de encontro.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024