O festival Underfest Xacobeo reúne en dúas fins de semana a 27 artistas en 12 espazos diferentes
Este venres comeza, cun triple concerto, o festival Underfest Xacobeo, un evento que terá lugar tamén a fin de semana que vén en 12 espazos do centro da cidade. Un festival urbano que, aos nomes xa anunciados, suma os de The New Raemon, Jero Romero, Beta Máximo, André Busker Neves ou os galegos Mentah e Sanny.
O festival Underfest Xacobeo celebra o seu sétimo aniversario en mellor estado que nunca. Cos abonos esgotados, mesmo antes de anunciar o cartel, o evento organizado pola empresa viguesa Sweet Nocturna trae á cidade 27 artistas de países como Arxentina, Reino Unido, Irlanda do Norte, Nova Zelanda, Estados Unidos, Chile ou Francia. Tamén hai oco para artistas estatais, galegos e mesmo locais, como é o caso de Sanny, Oscar Avendaño e Santi Araújo.
As últimas confirmacións do festival son The New Raemon, Jero Romero, Beta Máximo, Mentah, André Busker Neves e Sanny, que se suman aos xa anunciados El Mato a un Policía Motorizado, Richard Hawley, Fink, Ash, Gigolo Aunts ou Stone Foundation. Tamén suman ao ciclo Bites, que se realiza fóra das datas do festival, ao inglés Jack Broadbent, o 12 de outubro. Estas actuacións repartiranse entre 12 espazos do centro da cidade: Teatro Salesianos, Auditorio Municipal, Teatro García Barbón, Galería Maraca, Discos Elepé, Museo Marco, La Reserva Rock, Sala Masterclub, Sala Kominsky, A Casa de Arriba, Radar Estudios e Sala Doppler. Debido a voos internacionais, probas de son e demais cuestións organizativas, os horarios dalgúns concertos aínda non están definidos, pero nos próximos días serán públicos.
O festival arranca este venres 13 cos concertos de Fink e Finnegan Tui no Auditorio Municipal e de Stone Foundation na Sala Masterclub. O groso da programación comeza á semana seguinte, de xoves 19 a domingo 22, con concertos en salas, auditorios e outros espazos como tendas de discos, museos e bares. Na web de Ataquilla, polo momento, pode adquirirse as entradas para os tres concertos recén amentados máis os de Richard Hawley, El Mato a un Policia Motorizado, La Cendejas, Ash e Gigolo Aunts.
Actividades paralelas
Ademais de concertos, o Underfest propón outras actividades paralelas relacionadas coa música. Por exemplo, a exposición de carteis de concertos dos deseñadores británicos We Three Club, que inauguran a mostra o xoves 19 ás 20:00 en Maraca. Nese mesmo espacio terán lugar dúas presentacións de libros, tamén de carácter musical: Lo tengo en vinilo, do músico vigués Oscar Avendaño (venres 20 ás 19:30) e Piedra contra tijera, de Rubén González (sábado 21 ás 12:30), sobre as última tres décadas de rock en España. Estas actividades, e algúns dos concertos (en Elepé, La Reserva e Marco) son de carácter gratuíto.
Underfest, un festival diferente
Malia á súa activa programación en salas, Vigo é unha cidade na que non acaban de asentarse os festivais de múscia. Vigo Transforma ou ImaxinaSons pasaron a mellor vida, e o Latitudes vai e vén como o Guadiana. Aguantan algúns de pequeno formato, como o Revoltallo ou, en Redondela, o Millo Verde. O Underfest parece ser o único que, cunha programación ambiciosa e un concepto distinto (apostar polas salas e auditorios en lugar de amplos espazos exteriores) consegue manter boa saúde.
Sobre a súa filosofía, a organización recoñece que fan o festival ao que eles lles gustaría ir como público. Isto é, apostando por artistas que é moi difícil ver en festivais en España, mesturando o talento internacional co autóctono, intercalando músicos prestixiosos con outros por descubrir, e levando a música a diferentes espazos da cidade, tanto tradicionais (salas, auditorios) como máis particulares (mercados, museos, tendas de discos). Sinalan como influencia o festival Great Escape de Brighton, Inglaterra.
Programación
Venres 13 Setembro – Warm Up:
FINK – Auditorio Municipal
Finnegan Tui – Auditorio Municipal
Stone Foundation – Masterclub
Xoves 19 Setembro
20:00 – Inauguración expo We Three Club + concerto Beta Máximo – Galería Maraca
Venres 20 Setembro:
19:00 – Tito Ramírez – MARCO
20:30 – Óscar Avendaño – Galería Maraca
21:00 – La Cendejas – Radar Estudios
21:45 – The New Raemon – La Casa de Arriba
21:50 – Sistema de Entretenimiento – Kominsky
22:50 – La Milagrosa – Doppler
23:30 – Espineli – Kominsky
23:50 – Gigolo Aunts – Masterclub
00:15 – Alarido – Kominsky
Sábado 21 Setembro:
13:00 – Sanny – Discos Elepé
18:00 – I.O. – MARCO
19:15 – Santi Araújo – Teatro Salesianos
20:00 – Richard Hawley – Teatro Salesianos
20:40 – Mentah – A Casa de Arriba
21:40 – Cosmic Wacho – Doppler
21:45 – Chester Remington – Kominsky
22:00 – André Busker Neves – La Reserva
22:40 – L’Objectif – Radar Estudios
00:00 – Ash – Masterclub
Domingo 22 Setembro
19:00 – El Mato a un Policia Motorizado + Jero Romero – Teatro García Barbón