VIALIA
bannerPicnicSesions

O festival Underfest propón 18 artistas en 10 espazos da cidade

Desde este mércores 21 ata o domingo 25 unha decena de espazos de Vigo albergarán a quinta edición do festival Underfest, unha iniciativa da promotora local Sweet Nocturna. Seguindo na liña dos anos anteriores, o festival reune unha variedade de artistas internacionais, estatais, galegos e vigueses. O cabeza de cartel deste ano é o británico Michael Kiwanuka.

REVISTA ABRIL

Rodeados de fermosos carteis de concertos de bandas como Foo Fighters, Metallica , The Black Keys ou Van Morrison adentrámonos na Galería Maraca, onde este mércores 21 ás 20:00 bota a andar o Underfest coa inauguración da exposición ’20 years of artwork’, do catalán Error! Design. Este acto, que contará coa música de Joao Tomba (unha das múltiples caras do artista olívico Israel Ruiz, máis coñecido como Indy Tumbita), será o arranque desta quinta edición do festival vigués, que ao longo deste lustro trouxo a artistas do nivel de Slowdive, The Mystery Lights, Helado Negro ou Peaches. Propostas alternativas de grande importancia a nivel internacional para as que existe unha forte demanda por parte do público. Unha boa mostra da confianza dos asistentes no criterio de programación é que os abonos desta edición esgotáronse antes de ter anunciado o nome de ningún artista.

Tras a xornada inaugural chega o prato forte do evento: o concerto do británico Michael Kiwanuka. Programado inicialmente para maio de 2020, o espectáculo do compositor e guitarrista londinense foi aprazado en varias ocasións por mor da situación sanitaria. Por fin, con todas as entradas vendidas, unha das grandes sensacións do soul mundial chega a Vigo dentro da súa aclamada xira. Polo tanto, os abonos que quedan dispoñibles son os dos concertos de venres e sábado nas salas e as entradas individuais dalgúns concertos, xa á venda en Ataquilla.

Nas próximas horas coñeceremos as localizacións e horarios dos 18 concertos desta edición: Michael Kiwanuka, Goose, Diamond Dogs, Cupido, Sarah McCoy, Hidrogenesse, St. Woods, Queralt Lahoz, PM Warson, Judeline, Doctor Explosión, The Phantom Keys, Mandale Mecha, Mychelle, Kamikaze Helmets, Alex Aller, Joao Tomba e Néstor Prado. O festival pecharano Cupido, a agrupación formada da unión de Pimp Flaco e Solo Astra. O sábado haberá unha actuación de balde na entrada do museo Marco. Desde a organización destacan a aposta pola hostalería viguesa, xa que todas os beneficios das consumicións dos concertos en sala van para os propios establecementos.