Nigrán vén pisando forte: un mes de festivais de cine, jazz e gastronomía
O Concello de Nigrán mantense este mes de xullo fiel aos seus festivais máis senlleiros. Así, ademais do pasado Solpor Monteferro, este mes programan o Cinema a Pedal, Rilla na Rúa, Nigranjazz, Cine no Muíño, Beach Atlántica, Nigrán Soa a Swing, a representación de 2Pilgrims de Redrum Teatro e a feira artesá.
O Concello de Nigrán mantén a programación sociocultural de todos os anos incorporando novas propostas culturais. A pasada fin de semana xa puidemos desfrutar do Solpor Monteferro, unha das citas musicais de pequeno formato máis exitosas dos últimos anos grazas á súa inigualable ubicación. Sigue con Cinema a Pedal (do 11 ao 14 de xullo na Foz), Rilla na Rúa (do 24 ao 28 de xullo na Alameda da Ramallosa) e remata co Nigranjazz (do 25 ao 27 de xullo tamén na Foz, agás o 25 no Malabar-Pénjamo de Patos con jam-session).
Polo medio intercálanse novidades como o Cine no Muíño, coa proxección dunha longametraxe ao aire libre no muíño de Porto do Molle (instalación que acolle ata o día 12 de xullo unha exposición sobre apicultura sostible); o festival Beach Atlántica de música urbana e electrónica con DJ locais o 18 de xullo no aparcadoiro de Praia América; Nigrán Soa a Swing o domingo 21 de xullo na Alameda da Ramallosa coa Orquesta de Saxos de Redondela e o teatro de Redrum 2 Pilgrims no Auditorio o venres 19.
Aínda hai máis. O Día dos Avós tamén (venres 26 de xullo) e a feira de artesanía (27 e 28) tamén teñen un oco na axenda nigranesa. Os eventos deportivos clásicos do mes de xullo tampouco faltarán á tradicional cita de verán. Estes arrancan cos nadadores de Costa Serena o domingo 7 de xullo, o torneo de tenis-praia en Panxón o 13 e 14 de xullo ou o clásico torneo de veteranos de rugby-praia de Melgachos Vellos Rugbiers.
Pola súa banda, e como é habitual, o Concello colaborará coas festas parroquiais de Santiago e Santa Ana en Parada o 24 e 25 de xullo e organizará directamente o 31 de xullo e 1 de agosto (festivo local) a Festa de San Fiz, patrón do municipio. Colabora tamén coas diferentes entidades locais para o concerto de música barroca na Igrexa de Santiago de Parada (mércores, 3 de xullo), o rastrexo de Camos (sábado, 6 de xullo), a sardiñada de Montecastelo (domingo 14 de xullo), o concerto da Coral Novos Aires (sábado 20 de xullo).
Programación xullo
11-14 Cinema a Pedal (Esteiro da Foz)
17 Cine no Muíño (Muíño de Porto do Molle)
18 Beach Atlántica (aparcadoiro de Praia América)
19 Teatro de Redrum: 2 Pilgrims (Auditorio de Nigrán) – Evento reprogramado para o 18 de agosto ás 20:00 h
21 Nigrán Soa a Swing (Alameda da Ramallosa)
24-28 Rilla na Rúa (Alameda da Ramallosa)
25-27 NigránJazz (Esteiro da Foz)
27-28 Feira de artesanía