REVISTA ABRIL

O Galiexpo Motorshow volve a Vigo pisando a fondo o acelerador

Entre o 2 e o 4 de febreiro celébrase no IFEVI a duodécima edición do Galiexpo Motorshow, único salón do motor que permanece activo en España. Chega a cidade olívica con enerxías renovadas. Nesta edición ocupará por primeira vez todo o espazo expositivo do recinto de Cotogrande e acollerá un salón paralelo: o Galiexpo Bike & Running.

Os amantes do motor teñen unha cita ineludible esta fin de semana no IFEVI. A Galiexpo Motorshow abre portas este xoves. O espazo expositivo estará dedicado a coches de competición, clásicos, tunning, embarcacións náuticas e motos. Tamén haberá espectáculo automobilístico, animación musical e actividades para toda a familia.

A exposición
O espazo expositivo crece e crece tamén o nivel. Nesta nova edición do salón, amosaranse auténticas xoias do mundo das carreiras como o Audi gañador do DTM alemán. Os afeccionados aos coches clásicos, poderán contemplar un Chrysler de 1928, que empregaba o Cardeal de Compostela para desprazarse. E estarán expostos os 25 coches de tunning mellor preparados de España, Francia e Portugal.

REVISTA ABRIL

Drift Indoor
O salón acollerá a segunda edición do Campionato de Exhibición Internacional Drift Indoor, no que só participarán coches de máis de 400 cabalos. Como novidade este ano celebrarase o primeiro espectáculo de drift nocturno que terá lugar no salón a noite do sábado. O acceso ao drift terá un custe adicional de tres euros, de cada entrada 50 céntimos irán destinados a Agaela, Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica.

Todo isto acompañado de animación musical, moda a cargo de deseñadores da cidade e actividades vencelladas ao mundo do motor como: un simulador de Formula 1 con gafas virtuais, campionato de automodelismo e un Scalextric para xogar en familia.

Galiexpo Bike & running
Paralelamente, un dos salóns do IFEVI estará dedicado aos afeccionados á bicicleta e a correr. O Galiexpo Bike & Running acollerá unha zona expositiva coas principais marcas de bicicleta e running. Ademais, haberá bikers animando a zona. Como colofón o domingo pola mañá se celebrará unha carreira que comezará polos propios corredores do salón e se meterá nos montes de Puxeiros.