CAMELIAS MASCOTAS

Nervo (Rebeliom do Inframundo): “Antes no instituto eras o raro se rapeabas, e agora é o raro a quen non lle gusta o rap”

Este sábado 18 a banda local Rebeliom do Inframundo despide a súa xira Ilegal na Sala Masterclub, nun concerto que promete enerxía e paixón como nos vellos tempos. Falamos con Nervo, vocalista e letrista da formación, sobre estes malos tempos para a lírica. Podes mercar aquí a túa entrada.

REVISTA NOVEMBRO
Imaxe promocional da banda, con Nervo en primeiro plano | Foto: Alberto Lora (Galunk Producións)

Ilegal, publicado en 2019, é o último disco da banda de rap Rebeliom do Inframundo. Todos os plans que tiñan para presentalo en directo víronse truncados pola pandemia, polo que dous anos despois volven á estrada para despedilo como merece: “Non sería xusto para este traballo, con todo o esforzo que puxemos nel”, declara Nervo, cantante e letrista dos pontareáns. Un dos temas que seguro soarán este sábado na Sala Masterclub será ‘Sangue’, o seu último lanzamento e primeiro adianto do que será un novo disco, que ten previsións de publicarse a finais do ano que vén. Un álbum que contará, por vez primeira, con cancións gravadas no seu novo estudio, que xa están a piques de rematar.

Ademais da enerxía que transmiten en cada canción, unha das características principais destes rebeldes é a temática social e política das súas letras, sempre combativas e contestatarias. Como afectou un problema omnipresente como a pandemia na súa escrita? “Despois da cuarentena pasamos un ano no que non houbo vivencia. Eu saía do choio e xa marchaba para casa, todo estaba pechado. Ao non ter experiencias de vida, non teño ganas de escribir, necesito absorber cousas”, lembra o músico. Nese tempo dedicouse a escribir letras de “competi” ou freestyle, que se vén plasmadas nunha serie de vídeos titulados Luminarias: “Escribir este tipo de letras é como facer deporte lírico”, declara.

Malia que a parte vocal da banda sexa dun rap de corte clásico, nas bases están abertos a moitas tendencias, polo que nas súas cancións escoitamos ecos de trap, rock, electrónica ou reggae:“Ao me parecer, facer sempre o mesmo é súper aburrido. Eu levo 20 anos escribindo, e como sempre fixese o mesmo tempo e o mesmo ritmo eu xa non estaría a escribir. A min flípame o churrasco ou o cocido, pero non podo comelos todo o puto día, ás veces tamén quero peixe”, explica Nervo cun exemplo gastronómico. Este chef das palabras incide no gran nivel que están a demostrar as novas xeracións do rap local: “Eu con 17 anos non tiña ese nivel, nin de coña. Hai moita calidade. A música urbana está nun boom actualmente e a rapazada ten acceso a moita música e influencias. A xente quere rapear. Antes no instituto eras o puto raro se rapeabas, e agora o raro é a quen non lle gusta o rap”, comenta.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.