CAMELIAS MASCOTAS

Natalia Lacunza: “Cando estou mal non estou lista para compoñer, as cancións saen máis tarde”

Cantante, compositora e intérprete, Natalia Lacunza é unha artista que brilla con luz propia e rompe con todos os estigmas da fama. Con influencias que van desde o bedroompop ao RnB pasando polo Soul e o Pop, a súa música consegue estar presente nas principais listas de temas musicais da actualidade. Esta fin de semana podemos escoitala no festival Vive Nigrán.

A primeira peza presentada ao público no 2019 en colaboración con Guitarricadelafuente, Nana triste, outorgoulle o Disco de Oro, 40 millóns de reproducións en Spotify e máis de 19 millóns de visitas en Youtube na actualidade, e deu paso ao inicio dunha gran carreira musical que conta cun futuro cheo de éxito. En 2020 publicou o disco Ep2 e neste último ano sacou á luz dúas colaboracións: No estás, con Maria Blaya e Quiero Dormir Contigo con trashi, que acaba de estrear videoclip no mes de marzo. “Cando traballas con persoas da túa mesma xeración existe unha mesma forma de ver a música, un mesmo estilo de vida, unha sinerxia que nos leva a sentirnos moi cómodos. A miña música favorita en español e feita case practicamente por colegas meus. É unha gran familia musical e de amizade.”, explica Natalia Lacunza ao outro lado do teléfono.

Entre os seus temas máis aclamados destacan Tarántula ou Nuestro nombre, pero, como foi o proceso de creación destas cancións? “A miña música xorde dunha maneira aleatoria”, comenta a cantautora. “Xeralmente dunha melodía que se me ocorre de súpeto pola rúa ou por casa. Vénseme á cabeza unha idea ou rítmica concreta e a partir de aí vou buscando a música, os acordes e a harmonía.” Afecta o estado de ánimo? “Xorden nun momento onde tanto a alegría como a tristeza xa se aposentaron. Cando estou mal aínda non estou lista para compoñer, considero que as cousas se exteriorizan máis tarde, cando xa pasou o shock.”

REVISTA NOVEMBRO

A pesar de destacar pola súa carreira musical, Natalia Lacunza comezou estudando o grao de Comunicación Audiovisual na Universidade de Navarra, aspecto que podemos albiscar na imaxe da súa obra. “Estou moi involucrada nos vídeos, especialmente nos próximos que se van a lanzar. A imaxe, as cores e a roupa son unha linguaxe máis do proxecto que enriquecen o produto que estás a facer. Gústame construír unhas ideas base que transmito ao director, que lles dá o seu punto de vista e engade a maxia.”

Este venres teremos a oportunidade de ver este volcán de emocións na V Edición do Festival Vive Nigrán, no campo de fútbol de Monte Lourido, onde presentará os seus últimos traballos pero tamén cancións dos seus primeiros discos nun concerto de dúas horas. “As miñas cancións son como un boomerang. Escribo letras, dous anos máis tarde as canto e penso que volvín a cometer o mesmo erro outra vez’. As emocións e os pensamentos sempre volven materializados noutro contexto e tempo.” Este concerto será o único que teña lugar en Galicia durante a súa xira de verán, pero volverá en outubro deste mesmo ano a Santiago de Compostela para ofrecer máis música aos seus fans na Sala Capitol.

Ademais do seu lado artístico e musical, Natalia Lacunza conta cunha faceta activista que transmite nas súas redes sociais como Twitter e Instagram, reivindicando sobre temas de actualidade e loitando contra a violencia cara ás minorías. Tras o asasinato de Samuel Luiz Muñiz e as cargas policiais nas manifestacións que pedían xustiza polo acontecido, quixemos coñecer o seu punto de vista respecto á suposta protección do colectivo LGBT. “Estou moi enfadada con este tema. Todo o colectivo está moi enfadado. Parece que imos facendo avances pero chegas un día e pasan cousas como esta.” Ademais do enfado, tamén hai fastío. “É esgotador, mental e emocionalmente. Déixache esnaquizado. Estamos nun punto de ira absoluta, un vaso que non para de desbordarse e desbordarse. Quero pensar que estamos a chegar a un punto clave, pero polo camiño pérdense tantas vidas, tanto respecto, tanta dignidade.” Por último, lembra que o traballo dos medios de comunicación é fundamental nestes casos. “Aínda existe un mal tratamento dos temas e estamos a sufrir as consecuencias. Non se debería poñer en dúbida se foi un asasinato homófobo ou non.”