VIALIA
bannerPicnicSesions

Nacho Vegas: “Creo que son tan cantautor eu como Yung Beef”

Nacho Vegas é sen dúbida un dos referentes da música autoral no noso país. Fala con tranquilidade e devagar, mais as súas verbas están cheas de contido e de amor polo que fai. Aproveitando a súa visita á sala Sinatra este xoves dentro do ciclo de concertos Vibra Mahou, charlamos con el sobre a emotiva xira que vén de rematar hai dous meses, da súa traxectoria ou da música que lle inspira, entre outras moitas cousas.

Vés de rematar a xira do teu último disco, Violética. Que sensacións tiveches presentando estas novas cancións?

Foi unha xira moi emocionante por varias razóns. A primeira porque presentabamos un disco ambicioso, que recollía en dous cedés diferentes sensibilidades e na que participou moito a miña banda destes últimos 12 anos. E segundo porque significaba a despedida desta formación [a súa banda está formada polos músicos do grupo León Benavente]. A xira rematou o pasado xaneiro pero quedounos a espiña cravada de non ter visitados algúns lugares, como por exemplo Vigo, e aínda que este concerto xa non pertence á xira de Violética, si que vai recoller cancións do disco que non tocamos na xira, tamén temas antigos cun formato máis reducido e íntimo.

Falas dun formato máis íntimo: que tes preparado para este concerto en Vigo?

Irei acompañado de Manu Molina á percusión, o único que me leva acompañado desde o primeiro disco, e Joseba Irazoki á guitarra. Estes dous músicos acompañaranme na nova banda cando comecemos un novo ciclo e saquemos o novo disco o ano que vén. Tamén estará unha delegación reducida de seis persoas do Coru Antifascista Al Altu La Lleva, que é unha agrupación que está moi presente nas miñas últimas gravacións, especialmente en Violética. Este formato de trío con coro permite dar concertos íntimos pero tamén teñen algo que fai que soe a banda, non só como o concerto dun cantautor. Non son eu só coas miñas cancións, son as miñas cancións interpretadas polos nove que estamos sobre o escenario.

Xa que mencionas ao Coru, quería que me falases do colectivo musical e cultural que tedes montado en Xixón.

Chámase La Caja de Músicos, e si que ten relación co Coru xa que alí temos o noso cuartel xeral. É un colectivo cun local pequeno no que procuramos programar música cada semana, bandas novas ou que estean de paso pola cidade e teñan unha data libre. O aforo é moi limitado, 34 persoas, pero si que hai un trato moi agarimoso de parte da xente do colectivo. Tamén tentamos demandar algúns dereitos básicos que pensamos que se lles están a negar aos músicos como traballadores. Por cada músico que ten algo de visibilidade, como é o meu caso, hai centos boísimos en cada cidade, moito mellores ca min, que están a traballar en condicións precarias.

Como naceu La Caja de Músicos?

O colectivo nace no 2008 despois dun suceso tráxico que afectou moito á comunidade musical de aquí. Foi un accidente do grupo de folk Felpeyu no que morreron dous músicos moi queridos, Carlos Redondo e Igor Medio. Foi un accidente laboral pero ao non estar protexidos por ningún lado quedaron cunha man diante e outra detrás. Son ese tipo de coberturas as que vimos reclamando xunto con outros colectivos e sindicatos do resto do Estado.

Volvendo ao fin de xira de Violética, falabas do inicio dun novo ciclo cunha restructuración da banda. Quería saber como está a ir o proceso e que plans tes para o resto do ano.

Por un lado foi moi emotivo porque os meus compañeiros de León Benavente seguen a ser como irmáns para min e dá un pouco de mágoa rematar con esta relación profesional. Por outro lado ves que foi un período moi longo e que eles teñen a súa carreira hiperlanzada cun éxito merecidísimo, polo que podo mirar ao futuro con ilusión para crear un novo concepto de banda, de directo e disco. Iso é ao que me dedicarei o resto do ano, a ordenar o repertorio que teño esbozado de forma caótica na miña cabeza para publicar un disco no 2021. Este ano si que lanzaremos un disco con cancións publicadas fóra dos álbumes oficiais, con algunhas rarezas e temas inéditos. O concepto da banda dependerá de por onde vaian as cancións, e como aínda está nunha fase tan inicial non me atrevería a dicir nada.

Neste último disco atopamos colaboracións con María Rodés, Christina Rosenvinge e Cristina Martínez. Que motivou a elección de cada unha delas?

Cada unha delas ten un sentido moi específico e especial. A música de Violeta Parra escoiteina con detemento por primeira vez hai unha década ou máis grazas a Christina Rosenvinge, e nestes últimos cinco anos profundicei aínda máis na súa vida e obra. Hai moitas referencias a Parra no disco, desde o propio nome de Violética ata a versión de Maldigo del alto cielo, na que colabora Christina. Cando comecei a escribir a canción na que colabora Cristina Martínez, de El Columpio Asesino, xa sabía que precisaba a voz dunha muller que fixese unha interpretación empoderada, e pensei nela. Atopeina nun festival e propúxenllo dous anos antes de gravar o disco. A súa interpretación é a que fai que a canción brille. Por último María Rodés, coa que compartía discográfica daquelas, penso que ten un timbre de voz precioso e era xusto o que lle faltaba ás dúas cancións nas que colabora. Eu teño un rexistro vocal moi limitado e ás veces verte acompañado por voces tan privilexiadas fai que as cancións brillen doutro xeito. Facer música é un traballo de colaboración, iso é o que fai que as cancións teñan vida.

O concerto de Vigo será na sala Sinatra, dun aforo moito menor do que acostumas. Ademais tampouco é moi habitual verte tocar en festivais. Prefires os concertos en espazos máis reducidos ou é indiferente para ti?

Claro que inflúe. Sempre saes co mesmo ánimo a tocar, pero non é o mesmo tocar nun festival que nunha sala. Os festivais son experiencias particulares, pero careces da cercanía de tocar en salas pequenas como a Sinatra. Eu creo que a xente valora iso e créase unha interacción entre os que estamos arriba e abaixo do escenario. En realidade todos deberiamos estar á mesma altura, xa que formamos parte da mesma experiencia.

Levas tres décadas dedicándote á música, tanto en bandas como en solitario. Cales son as principais diferenzas que atopas entre o comezo e agora?

Eu formo parte dunha xeración, a do indie, que xurdiu nos 90 dunha forma moi estraña, cunha escena moi precaria pero cunha visibilidade moito maior da que mereciamos. Déronse unha serie de relacións cooperativas e colaborativas moi chulas, formada non só polos músicos, senón polas salas, xornalistas, medios de comunicación, promotores, discográficas… Lembro a época dos primeiros festivais, como o FIB en Benicásim ou o Primavera Sound, e ves como se van convertendo en grandes eventos que perden un pouco a súa esencia como puntos de encontro para bandas. Os festivais son o punto hexemónico da música en directo, e iso está a facer que se perda un pouco o circuíto de salas. Á xente que nos gusta ir a concertos non o apreciamos igual indo a un festival e indo a unha sala pequena onde tratan á música con agarimo, como no caso da Sinatra. Agora mesmo hai grupos indies moi exitosos como León Benavente ou Vetusta Morla, que fan todo de maneira independiente e case autoxestionada. Que teñan tanto éxito prodúceme moito orgullo.

Non sei se tes a sensación de que actualmente hai unha menor cantidade de cantautores que hai anos. A que cres que se debe?

Supoño que a figura do cantautor aquí sempre se entendeu como alguén cunha guitarra e pouco máis, con cancións mostrando o seu esquelete e como moito cunha banda de acompañamento. Hai moitas bandas cun compoñente autoral moi grande. Por poñer o exemplo de León Benavente, Abraham Boba publicou tres discos marabillosos en solitario nos que se podía falar del como cantautor. Esa parte autoral segue presente en León Benavente, que é unha banda de rock. Non deixa de ser canción de autor pero con outra vestimenta. No mundo anglosaxón a figura do songwriter enténdese doutra maneira, facendo rock ou nunha banda. A nosa tradición vén dos cantautores de despois do franquismo, tan comprometidos e tan influíntes na música que se fixo despois. O bo que vén pasando nas últimas décadas é que a música popular foi incorporando moitas influencias de moitos tipos. Creo que son tan cantautor eu como Yung Beef, pero vestimos os temas con roupaxes diferentes.

Entre as túas influencias sempre destacan xigantes como Bob Dylan, Nick Cave, Phil Ochs ou Nick Drake. Que grupos ou artistas actuais te inspiran?

REVISTA ABRIL

Hai unha recente oleada de músicos que me interesan especialmente, cunha gran amplitude de miras á hora de enfocar á música, cun certo aire vangardista pero sen deixar de mirar á tradición. Xente como Niño de Elche, María Arnall i Marcel Bagés, Morsego, Rodrigo Cuevas, Lorena Álvarez, Pablo Und Destruktion… están aportando moito á música. Por non falar de nomes tan exitosos como o de Rosalía, por exemplo, que marcou un hito no que significa a música popular hoxe en día.

Es seguidor de Rosalía, entón?

Si, gústame moito. Máis da súa faceta musical que da parte da escenografía, á que non lle prestei moita atención. Cando publiquei Violética unha pregunta moi recurrente era sobre o feito de sacar un disco dobre nunha época na que xa non se leva tanto ese formato e si o de sacar singles dixitais. Eu dicía que o exemplo estaba en Rosalía, que editou varios singles pero despois sacou El Mal Querer, un disco conceptual moi interesante tanto na produción como nas cancións, nun sentido autoral. Non son cousas excluíntes, o de publicar discos e cancións en plataformas dixitais.

(GMT+01:00) Sinatra Coctel Bar

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.