Nace un novedoso concurso de ‘fanfiction’ baseado na obra de Maria Reimóndez
O concurso, dirixido a mocidade de entre 14 e 20 anos, premia calquera obra artística inspirada na triloxía d’Os seres completos de María Reimóndez. O prazo de presentación remata o 21 de abril.

A triloxía de ciencia ficción Os seres completos ábrese, con este concurso, ás miradas da xente máis nova. A iniciativa pretende ampliar as reflexións que se tratan nos tres libros de Reimóndez, Cobiza (2021), Multitudes (2023) e Retorno (2024), e que xiran en torno a temas tan actuais como a diversidade sexual e de xénero, a igualdade, a ecoloxía, o poshumanismo ou o impacto da tecnoloxía nas nosas vidas.
Esta convocatoria nace decidida a impulsar a creatividade e a mirada crítica a través dun formato novedoso en Galicia, a fanfiction. Este termo fai referencia á creación de ficcións a partir dunha obra preexistente pero con total liberdade na formulación de novas tramas, contidos e incluso formatos. Na presente convocatoria admítese a concurso calquera tipo: debuxo, vídeo, música, viñeta, relato, poesía.. ou mesmo xogos. A decisión no formato queda aberta á imaxinación e destrezas de quen participe.
O concurso A mocidade completa a historia busca implicar os centros de ensino de todo o territorio galego. A participación pode ser tanto individual como en grupo. O premio consistirá nun lote de libros da editorial Xerais e unha mentoría individualizada da autora da triloxía, María Reimóndez. A persoa ou grupo premiado anunciarase o día 17 de
maio. As bases para participar poden consultarse nesta ligazón. Esta iniciativa conta co apoio de Xerais e a colaboración da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.