Nace o HematoFesti, o festival de literatura infantil e humor en homenaxe ao Hematocrítico
No mes de novembro celebrarase a primeira edición do HematoFesti, un evento de literatura infantil e humor recén creado para homenaxear a figura de Miguel Ángel López González, mestre e escritor máis coñecido como Hematocrítico. A primeira acción do festival foi convocar o I Premio ‘Humor con H’ de álbum ilustrado infantil, coa colaboración de Triqueta Editora.
Na mañá do venres 21 a escritora viguesa Ledicia Costas deu a coñecer nas súas redes sociais o nacemento do HematoFesti, un festival de literatura infantil e humor que se celebrará en novembro en homenaxe a Miguel Ángel López González, mestre e escritor máis coñecido como Hematocrítico, falecido a finais do ano pasado. Polo momento descoñécense a ubicación e a programación deste novo evento cultural.
O que si se anunciou foi o I Premio ‘Humor con H’ de álbum ilustrado infantil, coa colaboración de Triqueta Editora. O galardón está dotado con 5000 € a modo de adianto e a publicación da obra nas catro linguas oficiais do Estado Español (castelán, galego, català e euskara). O premio nace co obxectivo de promover a filosofía do Hematocrítico, que consistía en entender a vida a través da xenerosidade, a empatía e o Humor. O prazo para participar está aberto ata o 1 de outubro. Podes consultar aquí as bases.
O Hematocrítico
Miguel Ángel López González, máis coñecido como O Hematocrítico, foi un mestre e escritor de gran relevancia en Galicia e no resto do Estado. Ata o seu falecemento o pasado 27 de novembro de 2023 por mor dun infarto, o coruñés era un dos autores de literatura infantil máis recoñecidos do país, así como un famoso tuiteiro polo seu sentido de humor e inquietudes.