CAMELIAS MASCOTAS

Nace MOCA, o Museo Online de Cine Autobiográfico con selo vigués

Hai un par de semanas que botou a andar o Museo Online de Cine Autobiográfico (MOCA), unha iniciativa da empresa local La Cinematográfica que se presenta como un espazo de encontro, de creación e de investigación ao redor de traballos de cinema documental que parten da escritura autobiográfica e a exploración da memoria.

Presentación de MOCA na Filmoteca Española | MOCA

O MOCA é un lugar onde se unen a cultura contemporánea e a cultura popular, o cinema documental e as historias en primeira persoa, as miradas de autor e os arquivos domésticos. Un proxecto pioneiro no ámbito hispano que nace da colaboración entre La Cinematográfica, organización viguesa dedicada á xestión cultural en torno ao cinema, e a empresa Cafés Candelas, que continúa así a súa aposta por impulsar a creación e as artes audiovisuais.

REVISTA NOVEMBRO

A súa primeira mostra titúlase Toronto en primera persona, comisariada por Xisela Franco, formada por máis dunha vintena de películas “en primeira persoa” de cineastas canadenses. Son obras poéticas e moi íntimas de doce autores e autoras significativos, aliñados co cinema experimental, vinculados á comunidade de Toronto, comprometidos co independente, co pequeno, que é precisamente aquilo que os fixo máis libres. Todos xuntos conforman unha posible xenealoxía do cinema autobiográfico en Canadá, desde os seus inicios nos anos 70 ata a actualidade. Cada dúas semanas ira rotando o protagonista desta exposición, que actualmanete é Rick Hancox ata o 8 de febreiro.

Ademais destas mostras, o proxecto dirixido por Pablo Gómez Sala conta cunha colección de cinema doméstico, buscando visibilizar gravacións persoais en Super8 de xente anónima, realizadas entre os anos 60 e os 90. Desvelaranse numerosas coleccións particulares que recollen momentos entrañables da vida cotiá como nacementos, aniversarios, excursións, vacacións. La Cinematográfica, leva desde 2014 descubrindo e dixitalizando estas coleccións de familias no seu Arquivo de Cinema Doméstico, que se irá incorporando ao MOCA así como engadiranse cada ano novas coleccións.

Por último, tamén contan cun apartado para bolsas e para xornadas presenciais divulgativas . No primeiro caso ofrece dúas bolsas artísticas de produción de obra audiovisual de 4000€ cada unha entendida baixo o concepto de “cinema en primeira persoa”, como pode ser o cinema diario, o ensaio persoal, o travellogue, o autorretrato, a correspondencia ou calquera outra forma do cinema autorreferencial, sen importar o formato (cinema, vídeo, novos medios) ou a duración. No segundo caso, aínda está por precisar cando será o primeiro encontro destas xornadas.