CAMELIAS MASCOTAS

Músico, DJ, fotógrafo, artista plástico, propietario dunha tenda de discos… falamos con Cé Tomé (Hi:fi-Wi:fi)

O vigués Cé Tomé é unha persoa inquieta e bastante peculiar, o que se proxecta nunha traxectoria artística e cultural sen comparación. Foi no fatídico mes de marzo de 2020 cando lanzou o segundo disco do seu proxecto musical Hi:fi-Wi:fi, mad:ame. Iso foi un desastre para a promoción, loxicamente, pero tamén tivo a súa parte positiva: a xente puido dedicarlle máis tempo a súa escoita, e credeme que paga a pena. A súa música ten a personalidade e o carisma de quen está detrás dela.

Cé Tomé no paseo do río Lagares

Cé Tomé é un home de contrastes: vivie a cabalo entre Bruxelas e Vigo, e a súa música é electrónica realizada con instrumentos tradicionais, analóxica e dixital, pop e experimental, urbana e rural. Tanto, que chameino pola mañá e respondeume cun “boas noites”. De 1986 ao 1991 foi propietario de Star Discos, tenda de discos primeiro situada en Urzáiz e máis adiante nunhas galerías de Príncipe. Quizais iso inflúe no seu rexeitamento absoluto ás plataformas de streaming: “a miña música non se pode atopar en ningunha plataforma dixital, nin en Spotimerda nin en Apple Music. Eles non fixeron o disco, e podo entender que leven unha porcentaxe, o que non pode ser é que sexa eu quen leve esa porcentaxe”. Resume dicindo que “se quero traballar gratis o fago, pero facelo para que cobre outro pois non”. A única excepción é Bandcamp, porque é unha plataforma honesta na que el xestiona a súa propia obra.

Valora moito o formato físico, tanto é así que a edición en CD de mad:ame é unha autentica preciosidade: o disco imita ao dun vinilo, e adherido manualmente á caixa atopamos o brazo dun tocadiscos. “Para min a música é algo moi emocional que non só se limitar á escoita: é ter a carpeta na man, ler os créditos… Hai moitos grupos actuais que me encantan cos que non creo ningún vínculo por non ter o disco físico na man”, relata. “As cancións teñen outro sentido cando están rodeadas doutras cancións”, finaliza.

REVISTA NOVEMBRO

Tras conversar un anaco con el, noto que fala de Hi:Fi-Wi:Fi en plural, cando o redactor pensaba que se trataba dun proxecto individual: “Hi:Fi-Wi:Fi é un concepto, non é un disco de Cé Tomé. Ademais, este proxecto non existiría sen Pablo Martín, o meu enxeñeiro de son, xa que a idea é facer unha produción electrónica con instrumentación orgánica. Levaba moito tempo con esta idea na cabeza e non puiden facela ata que apareceu el”. Aclarando, Hi:Fi-Wi:Fi son os dous, pero Cé non quere obrigalo a comprometerse xa que a axenda de Pablo polo momento está bastante cargada.

Este último ano foi terrible para o entrevistado, que viu os seus ingresos reducidos á nada debido a falta de concertos e de salas de exposición abertas. Compensa ese páramo económico invertindo os seus esforzos na creación artística, tanto plástica como musical. O eclecticismo da súa proposta tampouco axuda a atopar unha discográfica ou promotora, normalmente centradas en estilos musicais concretos: “estou en contra dos xéneros, tanto musicais como biolóxicos. É un dato, si, pero non ten porque ser o máis relevante”.

Tomé non ve na actualidade unha escena na electrónica e música alternativa viguesa, a pesar do nacemento de propostas moi interesantes nos últimos anos como Banana Bahía, BFlecha, Yugen Kala ou Mundo Prestigio (ex-Jay). “Non é unha escena porque non se xuntan e non interaccionan, son proxectos individuais”. Os seus plans de futuro son instalarse en Vigo e montar un estudio onde crear e colaborar con outros artistas, pero non se pon datas debido á incertidume dos tempos que estamos a vivir. Antes de despedirnos quedamos en que, cando lance un novo proxecto, a próxima entrevista farémola en persoa, se as circunstancias o permiten. Agardamos que así sexa.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.