Música de presente e futuro
O ano 2020 remataba cunha mala nova, outra máis: o Concello decidía non adxudicar o contrato de xestión de VigoSónico, un centro que funcionaba como local de ensaio para bandas novas, ademais de realizar outras actividades culturais para dinamizar a xuventude. Por tratarse do único espazo público desta tipoloxía, xa fora moi cuestionado o emprazamento (estrada do Portal, Valadares), cun acceso pouco práctico, especialmente cando se dirixe a adolescentes, sen idade para ter carné de conducir.
Ao xeito do que aconteceu hai anos coa plataforma Súbete ao Castro, a mocidade viguesa volve quedar sen un espazo de encontro creativo. É evidente que a situación sanitaria actual non é a idónea para espazos pechados como VigoSónico, pero tamén o é que desde arriba non se está a pensar demasiado no futuro da escena local, mais aló de propostas esporádicas como o concurso Vigo en Vivo. Por fortuna aínda existe unha mocidade teimosa con vontade de sacar adiante proxectos a pesar das dificultades.
THE RIGGOS (@theriggos)
Desde 2011
Traballos: The Riggos (LP)
Malia levar case unha década tocando, non foi ata o 2018 cando viu a luz o seu primeiro disco, producido polo músico e escritor Pedro Feijoo. Esta banda formada polos irmáns Costas, Bruno e Yago, xunto con Denis Carballás e Arturo Peixoto, móvese entre o punk e o rock alternativo en castelán. Actualmente preparan o segundo traballo, do que xa coñecemos o tema «Polvo muerto».
KINGS OF THE BEACH (@kingsofthebeachofficial)
Desde 2013
Traballos: Super Awkward, Fucking Awesome (LP), Badass (EP), Bat Pussy (EP).
Unha das bandas veteranas desta lista, con decenas de concertos no lombo en Galicia, España, Portugal e mesmo os Estados Unidos. Os tres integrantes, Adrián, Samuel e Yago, defínense como neogaliciangaragepunk, con influencias que van desde Fidlar ou Together Pangea ata Sum 41, blink-182 ou Metallica. Acaban de formar con Kaixo a banda Youcanthide.
YUGEN KALA (@yugenkala)
Desde 2014
Traballos: Nothing is original (LP)
Anteriormente coñecido como Electric Feels,estamos ante un dúo de electrónica formado polos xemelgos Héctor e Nico Iglesias. Debutaron no Festival Sinsal no 2014 con só 11 anos, polo que non sorprende a ninguén que á idade de 16 xa lanzaran o primeiro álbum, despois de actuaren en festivais como Atlantic Fest, Festeen, Mad Cool ou O’Marisquiño, ademais das emisoras holandesas Operator Radio e Red Light Radio.
HOT ROAD (@hot__road)
Desde 2015
Traballos: The Three Body Problem Vol. I (EP), The Three Body Problem Vol. II (EP), Live on Subterráneo Studios (EP)
O blues rock deste power trio achega unha visión contemporánea ao son de clásicos como Jimi Hendrix, Cream ou Stevie Ray Vaughan. Sen medo a improvisar nin a realizar longas pasaxes instrumentais, non lle veremos dous concertos iguais.
NÍTIDO (@nitidobanda)
Desde 2016
Traballos: Cuando esto acabe (single), Fuego transversal (single) e Todo lo que no se ve / Hasta fin de existencias (single)
Banda de pop xurdida cando Víctor Rivas se uniu a dar forma ás cancións de Adrián Callejo. Cos anos foron sumando membros (Nico Blaine, Sandra Romero e Raphael Souza) ata converterse nun quinteto. Actualmente gravan o seu primeiro disco de longa duración.
EL SÓTANO DE BABEL (@elsotanodebabel)
Desde 2016
Traballos: El Sótano de Babel (EP), Acústico Estereoarte (EP)
Establecido en Madrid desde hai un par de anos, este cuarteto vigués mestura rock, pop, funk, electrónica e mesmo hip hop, polo que poñerlle etiquetas á súa música é unha tarefa ben complicada. Cada directo énchese de enerxía coa versatilidade dos seus integrantes.
TREINTAÑERAS CAÑERAS (@treintanerascaneras)
Desde 2017
Traballos: Calienta que sales (EP) e Cabaña Caníbal (EP)
Este trío de rock and roll e punk rock ten un dos shows ao vivo máis potentes da cidade. Con influencias de bandas como Foo Fighters ou Royal Blood, entoan letras con temas sociais de actualidade, como a exhumación de Franco ou os «policías de balcón» do confinamento, sempre con humor e acidez. Este ano lanzarán o seu primeiro disco.
PURPLEFLY (@purpleflyoficial)
Desde 2018
Traballos: Black Void (LP)
Abandeirando o eclecticismo, en 2018 naceu esta banda, agrupando baixo a etiqueta de rock alternativo xéneros tan variados como o rock progresivo, jazz, metal, lo-fi ou música clásica. Aínda que empezou como algo informal, na actualidade é un proxecto sólido cuxo debut discográfico, Black Void, data deste mes de xaneiro.
COMETA VEINTIDÓS (@cometaveintidos)
Desde 2019
Traballos: Cometa Veintidós (single)
Formada por Abel e Curu, ex-integrantes do grupo Elba, esta banda de pop rock bebe do son de referentes do indie estatal como Iván Ferreiro, Xoel López ou Vetusta Morla. Sumouse á agrupación Mauro Alonso e xa están a preparar o que será o primeiro álbum da formación.
TINTA (@tinta.aaa)
Desde 2019
Traballos: Mondi Miei (EP)
Tinta xurdiu como dúo no 2019 para participar no concurso Vigo en Vivo, o cal acabaron gañando xa convertidos en cuarteto. Practican estilos propios da negritude: funk, rhythm and blues, soul… influenciados tanto por artistas pasados como presentes. O seu primeiro EP (logo sacarán un segundo), por certo, foi gravado en VigoSónico.
Por Pablo Vázquez
[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de xaneiro 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres apoiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024