CAMELIAS MASCOTAS

Música ao vivo para todos os gustos

A escena musical autóctona goza de boa saúde. Iso é así grazas a todas esas salas que ofrecen música ao vivo durante todo o ano. De pop a rock, pasando por blues ou indie, en Vigo hai salas para todos os gustos. Sobreviven locais pioneiros como La Iguana Club, que abriu a finais dos 80 aproveitando a efervescencia propia daquela, e nacen propostas como a sala Doppler, que desde hai menos dun ano ofrece na rúa dos Irmandiños un espazo para xéneros minoritarios con especial seguimento entre o público máis novo: hip-hop, rap, reggae, ska, techno ou trap.

Veteranos e neófitos contribúen a que a música teña espazo de seu no que presentarse ao público local, onde evolucionar e mesmo triunfar. A maioría destas salas acaban establecendo unha relación especial coas bandas criadas encol destes escenarios. Así o conta Marcos Costas á fronte de La Casa de Arriba desde o 2015, escenario polo que leva pasado unha maioría de artistas recoñecidos na cidade: «Levamos no corazón eses músicos que tocaron regularmente na nosa cervexería, como Iván Ferreiro, Su Garrido, Tony Lomba, Nicolás Pastoriza, Eladio Santos ou todos os músicos de jazz das que se nutren as jams que programamos os martes». Estes espazos son rexentados por auténticos amantes da música en directo. «Ninguén monta unha sala de concertos para se facer rico», comenta Edu que sostén o leme de La Pecera desde o 2014. A paixón é, nos máis dos casos, o celme para que estes templos se manteñan erguidos. Negocios que levan impresa nas paredes a alma do seu creador. «Tería que botarlle a culpa aos Ramones», sinala Billy King que decidiu abrir La Iguana a finais dos 80 porque botaba en falta unha sala con programación semanal na que poder ver grupos internacionais. Todos coinciden en que nesta cidade hai moi bos músicos consolidados e unha canteira que lle vén comendo as papas: «Os mozos de hoxe en día están moi formados, teñen unha técnica que non ten nada que ver coa dos músicos de antes», sinala Rafa en El Contrabajo. Non tan optimistas son á hora de falar da asistencia: «Levamos 10 anos coa mesma xente nos bolos, non hai relevo xeracional», comenta Quique Rodríguez, de La Fábrica de Chocolate Club. No Transylvania opina de xeito parecido o seu xerente Jorge: «Algúns músicos quéixanse de que non levan público, pero logo eles tampouco van aos concertos dos seus amigos… Hai músicos que nunca vin nun concerto». Unha opinión que comparte Magin, da SalaMaster, que percibe que a xente máis nova non se interesa polo rock’n’roll ou o metal. Non obstante, desde Radar Estudios, unha das últimas salas en abrir, botan un cabo a prol da audiencia: «A xente cambiou a forma de pensar: antes, se non coñecías o grupo, non ías ao concerto; agora a xente preocúpase por ver os grupos que hai, busca en YouTube ou Spotify. En moitas ocasións veñen ao Radar sen coñecelos e marchan gratamente sorprendidos», sinala Pablo Iglesias á fronte da sala. Aínda que a meirande parte de locais con música ao vivo se concentran na zona de Churruca, hai opcións noutras áreas da cidade. No barrio de Casablanca, El Contrabajo e La Pecera programan, respectivamente, tres e dous concertos á semana. E no medio das discotecas do Areal está a sala Rouge, evolución da antiga Gaultier. Rubén e Fernando Garrido e mais Roberto González decidiron iniciar unha nova etapa no 2011 e, desde o principio, tiveron clara a aposta polo directo. Aínda que lles custa desfacerse da pegada do nome anterior, cada vez máis artistas e asistentes teñen en conta a Rouge como espazo para a música ao vivo. «Conseguir boa calidade de son en directo foi o noso crebacabezas desde o comezo», comenta un dos irmáns Garrido.

A falta de apoio institucional é algo no que coinciden os entrevistados. «Boto en falta áreas municipais nas que poder ensaiar, un lugar no que os rapaces poidan gravar unha maquetiña con catro temas ou un vídeo sen ter que pagar unha diñeirada», expresa Marcos. María e Senén, da sala Doppler, opinan que o apoio municipal debería ir dirixido ás bandas locais e non aos grupos que tocan en Castrelos ou no IFEVI, que probablemente non o precisen. Un apoio que tampouco chega ás propias salas, que se preocupan por incluír grupos locais nos seus programas. En Vigo e en directo.

Billy King, La Iguana Club (rúa de Churruca, 14)

Apertura: 1988
Estilo: rock
Un concerto: Un moi especial é o de Siniestro Total, que cada mes de decembro tocan aquí para celebrar o seu aniversario.
A quen invitarías?: AC/DC, Elvis Presley, Iggy Pop, The Clash, The Cramps, The Hives…

Marcos Costas, La Casa de Arriba (rúa de Martín Códax, 23)

Apertura: 1999
Un concerto: Un bolo moi, moi especial foi con Pablo Novoa e Josele Santiago, nunha noite de moita carga emocional. Penso que ningún dos que estabamos alí o poderá esquecer.
A quen invitarías?: De poder resucitalo, a Athur Lee, pero The Bad Seeds podería ser brutal.

Quique Rodríguez, La Fábrica de Chocolate Club (rúa de Rogelio Abalde, 22)

Apertura: 2005
Estilo: indie, pop, rock
Un concerto: Foi curioso que no 2009, tocaran The War On Drugs e The Drones, que poucos meses despois actuaron no festival Primavera Sound
A quen invitarías?: É imposible, pero en fin, eu traería a Nick Cave

Pablo Iglesias, Radar Estudios (rúa de Iglesias Esponda, 30)

Apertura: 2015
Estilo: electrónica, experimental, indie, pop-rock
Un concerto: Hai moitos, pero por exemplo o de Hannah Epperson…

María e Senén, Doppler (rúa de Martín Códax, 19)

Apertura: 2018
Estilo: rap, hip-hop, trap, reggae, soundclub, ska, electronica.
Un concerto: O de Victor Rutty con SonDaRúa por todo o traballo previo que levou e o éxito final alcanzado.
A quen invitarías? A Fermín Muguruza & chalart 58 ou Moscow Death Brigade. Pero esta pregunta a fas dentro dun mes e a resposta pode ser totalmente distinta.

Jorge Rodríguez, Transylvania (Rúa Rogelio Abalde, 16)

Apertura: 2014
Estilo: metal
Un concerto: O de Meiga, un grupo galego que se separou e conseguín reunilos para facer un último concerto.
A quen invitarías? Nightwish o uns Maiden, non estarían mal.

Magín, Sala MasterClub (Rúa de Urzáiz, 1)

Apertura: 2010
Estilo: metal, rock, indie
Un concerto: O de presentación da sala a cargo de Sebastian Bach, que estaba de xira teloneando a Gun’s and Roses.
A quen invitarías? Volvería traer a Tony Malcapine que estivo un domingo é un guitarrista de primeira orde. Foi un concerto impresionante.

Edu Meijueiro, La Pecera (Rúa de Pizarro, 35)

Apertura: 2004
Estilo: blues, soul, jazz, swing e rock en acústico.
Un concerto: Moi complicado quedarse con un, hai moitos grupos que xa son como da casa.
A quen invitarías? Son moi apaixonado da música dos 60, pero está complicado que veñan os Stones ou os Beatles a miña sala.

Rafa Chao, El Contrabajo (Rúa de Venezuela, 82)

Apertura: 2006
Estilo: jazz, blues, pop-rock, reggae
Un concerto: Os dos trío Sumrrá, que veñen moito a nosa sala e son unha das bandas de jazz de referencia no noso país.
A quen invitarías? Teño a espiniña cravada de que actúe na sala Pablo Novoa.

Rubén Garrido, Sala Rouge (Rúa de Pontevedra, 4)

REVISTA NOVEMBRO

Apertura: 2011
Estilo: pop-rock, blues, jazz
Un concerto: É difícil escoller un concerto. Quédome con certos momentos. Por exemplo, Velma Powel despediuse unha a unha de cada persoa que viu ao concerto.
A quen invitarías? Prefiro soprenderme cos grupos que podemos traer que soñar con imposibles.

Tamara Novoa
Redactora

[Este artigo está publicado na revista A Movida de novembro de 2018. Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.