REVISTA ABRIL

Musa Rota: a arte sae do armario

O desexo de viviren da arte e unha viaxe a Nova York o ano pasado levou a que Lupita Hard (@lupita_hard) e mais Pakuas (@pakuas20) unisen forzas, buscasen inspiración e apostasen polo que as apaixona de verdade. A pesar desa pregunta recorrente «e se sae mal?» que ás veces nos asalta, este dúo de artistas multidisciplinares botouse á piscina sen medo, decidíndose a apostar por unha marca de seu que se abra paso a través do complexo armazón das grandes empresas de moda e da agresiva fast fashion.

REVISTA ABRIL

Así naceu Musa Rota nada máis que hai uns poucos meses, en xullo de 2023: un proxecto téxtil comprometido co medio ambiente, respectuoso cos animais, sensible ante diferentes colectivos, onde hai unha boa inclusión de talles —do XS ao 5XL— e non hai distinción de xénero. Mantendo esa filosofía de moda ética e responsable, as pezas elabóranse nun taller de Portugal, os tecidos proceden de Barcelona e as unidades de cada peza son sempre moi limitadas. E para máis, as etiquetas que acompañan os produtos son de papel plantable, con sementes totalmente biodegradables, das que poden saír unhas bonitas flores.

Visita a web musarota.com ou o perfil de Instagram @musa.rota para coñecer as tres patas en que se apoia o proxecto: «Colección», un percorrido a través de obras deseñadas e confeccionadas no taller por Lupita e Pakuas; «Irrepetibles», pezas únicas baseadas na artesanía e feitas á man, desde o patrón ata o resultado final, por ambos os dous artistas; e «Homeware», un apartado de alfombras artesás que pretende ser unha porta aberta a futuras creacións, formatos e, quen sabe, posibles colaboracións con máis artistas.

Se non sabes por onde empezar, recomendámosche que lle botes un ollo á peza estelar da marca, baseada nunha idea propia que dá moito xogo e que parte dun proceso de creación un tanto complexo: as camisas modulares combinables. O que teñen de especial destas camisas é que se abren por diante e por detrás e poden usarse con ou sen colo, de modo que se poden combinar entre si xogando cos diferentes estampados. Sexas de gustos máis clásicos ou modernos, non perdas a oportunidade de experimentar coa arte do roupeiro e non renuncies a levar a diversión ao teu look. Racha cos estereotipos e devolve as musas ao lugar ao que pertencen: a creación (e non só a inspiración). Aposta por Musa Rota, e que a arte se libere das paredes dos museos para saír á rúa.

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.