CAMELIAS MASCOTAS

Moito en xogo

A vitoria da selección española na Copa Mundial de Fútbol do ano pasado, entre Australia e Nova Zelandia, colocou o deporte feminino en portada, algo que acontece en moi poucas ocasións. Por desgraza, houbo quen tratou de eclipsar este logro con actitudes máis propias do Plistoceno, logrando desviar o foco mediático das verdadeiras protagonistas. Un foco que, como dicimos, rara vez se dirixe ás mulleres.

            Entre amadores e profesionais, Vigo conta cunha gran variedade de disciplinas, clubs e deportistas. Unha destas profesionais é a corredora Aroa Sío, que o ano pasado decidiu crear Asaltamontes Female, unha comunidade para mulleres que practican ou aspiran a practicar trail running: «Empezamos a convocar xuntanzas para coñecernos entre nosoutras e animarnos mutuamente para adestrarnos e desfrutar da contorna en compañía», explica.

Hoxe en día hai máis de duascentas mulleres na nosa cidade que participan habitualmente nestas reunións coordinadas por Arancha Pérez de Lis, sumando unhas cincocentas en toda Galicia. «Na primeira quedada, que anunciei dous días antes en Instagram, acudiron unhas corenta corredoras, e iso que coincidía cunha proba de Trail en Baiona e coa carreira Vig-Bay».

Aroa Sío

Isto demostra que ganas había, pero algo fallaba para que esa vontade latente non se trasladase ás carreiras oficiais. Con todo, moitas mulleres senten inseguridade á hora de saíren a correr soas, tanto no campo coma na cidade, e tamén de certo sentimento de culpabilidade ao adestrarse con homes. «Moitas séntense como un estorbo que lle vai cortar o adestramento ao resto. Eu son deportista profesional, vivo disto, pero cando empezaba botei meses negándome a me adestrar cuns amigos por medo a ser un lastre», explica a corredora que representou a España no Mundial de Ultra Trail da Federación Internacional de Skyrunning (ISF).

O domingo 17 deste mes organízase unha carreira en 14 cidades españolas e algunha portuguesa, á mesma hora e cun circuíto circular similar en todas. Os resultados do labor de Asaltamontes en tan pouco tempo están a ser sorprendentes: en Galicia pasouse dun 12 a un 30 por cento de participación feminina en moitas carreiras desde que Aroa e Arancha fixeron que esta iniciativa botase a andar… ou a correr.

Asaltamontes Female | Miguel Rúa

            Outro deporte bastante minoritario é o rugby, en particular no tocante á práctica das mulleres. E iso que aquí contamos desde hai catro décadas con Vigo Rugby Club, unha entidade deportiva que desde a temporada 1992/93 alberga un equipo sénior feminino. De feito, hai un ano realizouse un pequeno documental contando a historia das precursoras deste deporte na cidade da oliva e do bo momento que está a vivir hoxe en día. A santiaguesa Antía López Saqués é a capitá dun equipo no que xa leva 12 anos xogando. Iniciouse durante a etapa universitaria grazas á insistencia dunha compañeira da residencia en que se aloxaba e xa non parou. «Encantoume o ambiente, recibíuseme cos brazos abertos», lembra. Tamén lle gustou o feito de que fose habitual acudir a ver xogar compañeiros doutras categorías, tanto que agora tamén é adestradora na categoría M14, que abrangue deportistas con idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos.

Unha das grandes complicacións que ten o rugby é o elevado número de persoas que fan falta para xogar: un total de 15 xogadoras por equipo. «É algo cíclico. Temos temporadas moi boas en que non hai problema de xente, pero moitas de nós estudamos ou traballamos e é difícil compaxinar. Cando as que levan moito tempo van marchando pasamos por épocas un pouco xustas e nos custa xuntar xogadoras para os partidos», admite.

Antía López

Outra das dificultades ten que ver co lugar de adestramento: as instalacións do campus universitario vigués, de microclima húmido e neboento, non resultan moi atractivas para acudir os martes e xoves ás oito e media do serán en inverno. A primeira impresión das persoas alleas ao rugby ten que ver coa dureza do xogo, onde o contacto, os golpes e as placaxes están á orde do día. Antía opina que existe moito descoñecemento arredor deste deporte: «Penso que hai que probalo máis dunha vez, porque ten moitas normas e non vas aprender nun día. Hai que darlle unha oportunidade e deixar de lado os estereotipos, porque aínda que pareza moi bruto en realidade é un deporte de evasión, non todo é golpearse», explica.

Agradece tamén o esforzo feito polo club na campaña de captación para atraer xogadoras novas. «Ter 15 ou 20 persoas adestrando cada semana é algo insólito desde que eu estou no equipo», admite. Despois de tantos anos xogando ao rugby, Antía non percibe que exista un trato diferente respecto ao equipo masculino. «É un deporte descoñecido en xeral, non creo que se deba a que sexamos rapazas. O equipo masculino ten moitos máis xogadores, pero tampouco entra moita xente nova a probar», asegura. O feito que máis esperanza lle transmite é que nas categorías inferiores hai moitas nenas, cada vez máis. «No equipo que adestro hai sete, algo impensable hai anos», conclúe.

Vigo Rugby | Cedidas

Algo máis coñecido, pero aínda moi lonxe de ser mediático, é o baloncesto feminino. E iso que a nosa urbe conta cun equipo na máxima categoría estatal: o Celta Zorka Recalvi. A única xogadora galega de primeiro nivel é a nigranesa Sara Vidal, que aos 22 anos xa leva unha década vestindo a camiseta celeste. Lembra aquel primeiro ano dun xeito agridoce: «Foi un pouco duro, porque eu viña de xogar coas miñas amigas no equipo A Eirexa, que logo desapareceu. Díxenlles aos meus pais que quería volver xogar coas miñas amigas, pero eles convencéronme de que quedase no Celta». Sara foi unha das protagonistas do máxico ascenso do equipo, que volvía á máxima categoría once anos despois do descenso administrativo na temporada 2011/12. «Iso é algo que non volverá suceder, porque levabamos moitos anos intentando ascender e conseguímolo na casa coa nosa xente. A celebración durou máis que o partido», lembra cun sorriso.

REVISTA NOVEMBRO

O debut desta deportista co primeiro equipo sucedeu uns anos antes, na temporada 2018/19, en Barcelona. «Cristina Cantero díxome no segundo cuarto que me preparase para saír, e eu non sabía como reaccionar. Fun cambiarme tan rápido coma unha centella», rememora. Sara non ten máis que boas palabras para falar da súa adestradora: «Fíxome debutar nunha das mellores categorías estatais. Téñolle un agarimo moi grande porque me coñece desde que son unha nena».

Sara Vidal

A xogadora compaxina a carreira deportiva coa de dereito, que estuda paseniño na Universidade de Vigo. «Non é unha carreira complicada de sacar, pero ten moita materia e é difícil organizarse. Curso a metade das materias por ano, porque é mellor pouco e ben que moito e mal», asegura con madurez. Levar o escudo do Celta no peito non sempre resulta positivo. Durante a pasada campaña, cando un partido do Celta Baloncesto coincidía en Navia á mesma hora con outro do equipo de fútbol en Balaídos, o encontro de baloncesto mostrou unha imaxe desoladora.

Tras o ascenso do ano pasado, esta temporada volveron coincidir dous partidos do Celta á mesma hora. Xusto antes do encontro, Sara temía ter que xogar sen os azos da afección, pero equivocouse: Navia parecía outro pavillón. «As bancadas estaban cheas, cheas, cheas. A xente decatouse de que o Celta é máis que o fútbol, que aquí hai unhas rapazas moi boas que merecen un voto de confianza e ás que hai que ir animar», conclúe Sara, cunha ledicia semellante á de anotar un triplo desde o centro do campo sobre a bucina.

Sara Vidal co Celta Zorka Recalvi | Cedida
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.