VIALIA
bannerPicnicSesions

Modulador de Ondas, o novo proxecto do thereminista vigués Paulo Pascual

O thereminista local Paulo Pascual presentará, acompañado por Uxo Pousa e Macarena Montesinos, o seu novo proxecto musical o próximo sábado 16 na Iguana en sesión vermú. Modulador de Ondas é o seu nome e ten no theremin o seu instrumento protagonista. que xa utilizara con anterioridade en Camarada Nimoy ou 16mm. Un instrumento que a priori pode parecer estraño e moderno, pero que naceu no 1920 na URSS e podemos escoitalo nalgunha canción de The Beach Boys, Led Zeppelin, The White Stripes, Pink Floyd ou Pixies. 

Paulo Pascual, Macarena Montesinos e Uxo Pousa

Cando nace a túa paixón polo theremin?

No 2003 merquei un pequeniño theremin a pilas con só unha antena, a partir de coñecer o seu son no cinema.

Xa fai anos, en Camarada Nimoy, tocabas este instrumento. Cando decides levar adiante un proxecto no que o theremin é o protagonista?

Si, merquei un Moog cando arranquei co proxecto de Camarada, empecei a traballar co seu lado melódico que non é o usual. Con Camarada funcionou moi guai, o surf, lounge e demais liñas instrumentais coas que traballabamos ianlle moi ben. Nunha época levamos un centro social (Charenton) onde viñan propostas interesantísimas e boísimas de Portugal. Contactaron con nós o maravilloso colectivo Um Ao Molhe, que traballan con propostas unipersoais como Surma ou o Manipulador entre outras. Camarada Nimoy non dabamos sincronizado horarios e a vida de cada un ía por un lado, polo que decidín embarcarme nun proxecto unipersoal, Modulador de Ondas. Un só músico cun theremin e cunha guitarra. Dinlle moito máis en serio ó theremin e iso levoume a compoñer temas con el como solista.

Nos directos, acompañarás o teu theremin e a túa guitarra dun cello e doutro theremin. Por que estes instrumentos?

Somos poucos e atopo na rede un novo thereminista que vive na Guarda! Desde había anos que buscaba alguén en Galicia só por compartir experiencias, sen éxito. Coñecer a Uxo Pousa foi un subidón, quedamos para improvisar e fixemos boísimas migas. Cando rematei a gravación do disco, ía levalo eu só ao directo, pero pensei: “que facemos Uxo e eu cada un por lado?” Por outra banda, desde había un tempo estaba facendo sesións de cinema fantástico musicado ao vivo con violonchelo e theremin. A violonchelista Macarena Montesinos ten tanto de boa música como de boa amiga e as cordas conviven fantásticamente co a electrónica do theremin. Traballando con ela impro ou diferentes elucubracións para acompañar o cinema de Segundo de Chomón levo aprendido moitísimo, teño moita sorte de poder compartir a miña aventura con ela.

Dis que Planeta Theremin é o primeiro LP dun thereminista en Galicia e un dos poucos a nivel nacional. Por que pensas que non acaba de popularizarse este instrumento?

É un dato que me gusta dicir porque é importante para alguén como eu que traballa coa divulgación deste aparello en Galicia. Levo impartidos moitos obradoiros en escolas e asociacións. O motivo de que non haxa máis interpretes é que non se coñecen as súas posibilidades, só o seu rollo máis tópico. A nivel internacional si que están a aparecer cada vez máis e mellores thereministas. O problema é que é un instrumento que se utiliza comunmente como unha ferramenta ruidista aleatoria ou explotando o frikismo este de que tes que ser alguén excentríco, ir vestido de marciano ou algo así para sacarlle sons. A súa tecnica é complicada, afinar con el leva o seu tempo e se cadra, vivimos nun mundo onde as veces a música conta menos que o envoltorio.

O LP xa se pode atopar en formato físico nas tendas ou por envío a través da web, pero non en plataformas de dixitais como Spotify. A que se debe isto?

Non son usuario desa plataforma, non descarto que nalgún momento poida estar alí, aínda que polo de agora considero que o soporte en vinilo e en CD, mercándoo nas tendas de discos principalmente, é o mellor. A maioría dos temas se poderán escoitar en breve no noso bandcamp. Ainda que abracei a tecnoloxía dixital a morte hai anos e me segue a parecer unha gran ferramenta, cada día que pasa vexo o meu futuro máis analóxico.

Planeta Theremin, ademais do disco, tamén é o nome do teu estudio, onde realizas obradoiros deste instrumentos para quen estea interesado.

No meu taller-estudio dou clases de theremin e guitarra e facemos algunha cousa puntual, como reunirmos en plan combo de thereministas, charlas con thereministas ou xente relacionada dalgún xeito a isto.

Como xorde a idea de realizar o concerto presentación en sesión vermú na Iguana por primeira vez na súa historia?

REVISTA ABRIL

A nosa proposta non é roqueira, é un tanto ambiental e cinematográfica. Pensei que algo así encaixaría mellor; un concerto especial dun xeito igualmente especial. Teño vivencias vitais incribles dese espazo e faime moita ilusion tocar alí.

Queres demostrar con este proxecto que o theremin, máis aló da curiosidade que esperta na xente, é un instrumento tan válido como outro calquera, co que se pode facer todo tipo de música?

Teño visto moitas cousas na rede sobre o instrumento e non quero ser pretencioso, o máis importante deste traballo está voando arredor de nós no aire cando escoitamos as composicións, que son á vez sinxelas e sinceiras. É unha sensación inigualable acariciar as melodías no aire, é moi gratificante, o instrumento é único, quen teña unha visión limitada das súas posibilidades é que non escoitou a músicos de 1920 facer pezas clásicas nun instrumento electrónico intanxible fruto dos avances tecnolóxicos vanguardistas da época da revolución soviética ou as maravillas que fan hoxe Carolina Eyck, Pamelia Kurstin,etc

(GMT+01:00) Chiringuito O Pirata

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.