VEGANA

Nace Fvck, o novo colectivo fotográfico vigués

Este xoves ve a luz Fvck, un novo colectivo que promete revitalizar o xeito no que os vigueses nos relacionamos coa fotografía e darlle o pulo que merece á fotografía de autor, a través da organización de exposicións, coloquios e cursos de formación con artistas. Falamos con Puri Díaz, deseñadora e editora, veterana do activismo fotográfico da cidade e unha das cabezas pensantes detrás de Fvck sobre a orixe e aspiracións deste novo movemento.

Que é Fvck?
Fvck é un novo proxecto fotográfico que nace na cidade ca finalidade de crear debate e reflexionar en torno á cultura fotográfica. Nacemos para poñer en valor e dar visibilidade a todos aqueles que utilizan a fotografía para expresarse e que xeralmente carecen de medios, recursos e espazos para darse a coñecer.

Quen está detrás desta nova iniciativa?
As responsables do seu nacemento somos eu e a fotógrafa e artista plástica Cristina Brea. Ambas amamos a fotografía. Gústanos vela, facela e consumila. Somos unhas “yonquis” da imaxe. Ademáis queremos ser un colectivo aberto, disposto a recibir propostas de fóra que teñan a fotografía como elemento central e aporten valor ao colectivo.

Como xorde a idea de crear un colectivo adicado á fotografía?
A idea nace a finais de decembro do 2018. Temos moitos amigos e coñecidos que están facendo cousas en pro da fotografía de autor e pareceunos interesante crear un punto de encontro e proporcionarlles un altofalante para o seu traballo.

Unha das características que vos diferencia doutras iniciativas da cidade é o foco na fotografía de autor. Cal é a vosa visión da arte fotográfica?
Gústanos falar da fotografía de autor en contraposición á comercial xa que nos interesa a foto que se fai por amor. A foto que conta, que emociona, que lastima…ou como ben dixo Alberto García-Alix, “la fotografía que huele y duele”.

Que tipo de actividades levaredes a cabo?
O noso obxectivo é, ante todo, pasalo ben, seguir aprendendo e gozando coa fotografía e transmitir iso mesmo a todos os que participen das nosas actividades. Organizaremos obradoiros, proxeccións, exposicións… para conseguir que en Vigo se fale de fotografía de autor.

A quen vos queredes dirixir?
Unha das nosas máximas é que a fotografía ha de ser democrática e non excluír a ninguén. Estamos vertebrando Fvck arredor desa filosofía, para que todo o mundo teña cabida e se senta cómodo independentemente de se é un afeccionado, un estudante ou un profesional.

Inaugurades a vosa traxectoria este xoves, cun evento dirixido a fotógrafos. Que tedes preparado?
Efectivamente, a nosa primeira actividade será a charla Algo más que fotografía: de la pantalla al papel, impartida por Alejandro Novoa, de Copias de autor. Alejandro é un gran profesional da reprodución fotográfica que, a partir da súa experiencia, porá sobre a mesa conceptos técnicos relacionados ca impresión, a resolución, a xestión das cores e o uso dos diferentes papeis na produción de copias de exposición. Mais tamén falaremos de cuestións máis conceptuais, alén dos medios técnicos, relacionadas ca reprodución da realidade e a aplicación de estratexias conceptuais diferentes para cada proxecto.

(GMT+01:00) Apo'strophe Sala de Arte

REVISTA OUTUBRO
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.