VIALIA
REVISTA MARZO

Moda retroatlántica

Seguro que máis de un de nós adoita pasear por tendas e mercados de roupa de segunda man para atopar xoias únicas. Se a esta afección lle engadimos a mellor artesanía, podemos dar cunha marca de moda retro, atlántica ao cen por cento, pensada para quen ame o carácter eterno do vaqueiro en combinación con estampados atrevidos. Con esta idea, Laura Iglesias (O Rosal, 1992) é a artífice que opera con mans meigas para que tradición e modernidade se unan nunha harmonía singular. Mentres estudaba Filoloxía en Santiago de Compostela, empezou a interesarse pola confección e comezou a facer padróns propios. Para formarse na súa vocación descuberta, esta valente cursou tres anos de deseño e confección de alta costura nunha academia das de toda a vida coa axuda dunha gran modista galega. Actualmente cursa o último ano de Patronaxe industrial. Con toda a bagaxe adquirida, botou a andar Laura Senses Clothing, unha marca salvaxe que roxe coma un leopardo e que ten como filosofía adaptarse aos gustos das clientas mentres que mantén os procesos artesáns dos que fai gala.

As pezas estelares desta marca son as chaquetas e os chalecos vaqueiros vintage, indumentaria atemporal e, en xeral, roupa que abarca moito público. Laura empezou a customizar algunhas pezas de roupa engadíndolles tecidos sacados de excedentes da produción local, retallos cheos de estampados coloridos, animal print, motivos florais, flocos, cadeas, chatolas… e todo o que se poida coser con agulla e fío. Cada chaqueta é única e a recuperación destas pezas de segunda man é unha chamada á sostibilidade. Ademais, para non desperdiciar nin res, cos retrincos sobrantes crea gomas para o cabelo e turbantes a xogo coas chaquetas e coletes. A deseñadora tamén xoga con camisas de segunda man, ás que engade elementos. Cunha blusa, unha chaqueta vaqueira e un turbante xa temos o look completo para arrasar alá a onde vaiamos.

Banner A Movidiña

Tendo en mente que tipo de peza é a que queremos, logo de pensar nos complementos que nos gustaría engadir para que se converta na chaqueta dos nosos soños, podemos contactar con Laura a través da conta de Instagram da marca, @laurasensesclothing. Ela pode crear para nós unha peza única que se desmarque da moda estacional. Todo isto é posible grazas ao carácter xenuíno da moda atlántica.

Por Estela Gómez

[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de xaneiro 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.