CAMELIAS MASCOTAS

Mirando polos letreiros

Xunto ao patrimonio oficial e de obrigada conservación (edificios históricos, igrexas, manuscritos…) hai outros moitos, de base popular, que axudan a configurar a identidade municipal e dotar as rúas dunha personalidade propia e distintiva. Nesta época de uniformación cultural, a pervivencia de rótulos comerciais históricos é vital para conservar a singularidade gráfica da nosa urbe e loitar contra un modo de globalización mal concibido.

REVISTA NOVEMBRO

Pouco podemos facer xa por recuperar algunha das auténticas xoias que protagonizaron a paisaxe urbana unhas décadas atrás. Hai xa tres lustros que comenzamos a documentar fotograficamente os letreiros comerciais que, xa daquela, estaban en perigo de extinción. Lamentablemente, máis da metade deles, algúns moi emblemáticos, desapareceron sen que puidésemos chegar a tempo de fotografalos. Para moitos de nós, ou para os nosos pais ou avós, falar de Barros, Cividanes, El Pilar, El Sport ou La Favorita é activar de xeito automático a memoria e viaxar arredor das pequenas historias que configuran o relato do que somos. Non podemos quedar sen a memoria colectiva que proporciona este patrimonio gráfico. Cada vez máis, moitos colectivos asumen a encarga de loitar pola pervivencia real destas pezas nas rúas ou por promover espazos onde se poidan visitar. En Vigo é o Ateneo Atlántico quen comenzou hai un ano a campaña «Mirando polos letreiros», reivindicando este valor e suxerindo o museo Verbum, a Casa das Palabras da avenida de Samil, como recinto ideal para establecer alí un espazo da memoria gráfica desta cidade. Que mellor exaltación das nosas verbas que o imaxinario colectivo?

Pero antes teriamos que loitar para que algúns rótulos marabillosos, que aínda sobreviven, sigan brillando nas nosas rúas. No sector industrial hai grandísimos expoñentes: o do estaleiro Hijos de J. Barreras, o centenario de La Metalúrgica, o da marca Miau na conserveira de Bernardo Alfageme ou o da reivindicada Panificadora. Quedan tamén algunhas xoias de tipo comercial: a papelería Porras, o ultramarinos Julio Mera, a armería La Naval Viguesa, a xoiería Ramón Fernández… ou os «Abrigos de piel» ou os «Modelos de París» que ilustran un vello edificio na contorna da Porta do Sol. Con eles hai un conxunto de letreiros menos coñecidos, pero igualmente importantes, que esperan para volver ser descubertos… evitando a extinción.

Jorge Lens
Fotógrafo