Guía para que coñezas Vigo e a súa contorna co programa Camiño a Camiño
Este domingo arranca unha nova tempada do programa Camiño a Camiño, a través do cal podemos achegarnos a espazos naturais da nosa contorna con andainas, acampadas, saídas nocturnas e cursos. Como novidades nesta edición, celebrarase un ciclo de conferencias no auditorio de Vigozoo e uns paseos polos montes de Vigo as tardes dos sábados de abril.
Marzo
A programación arranca cos tradicionais percorridos medioambientais. Nos catro domingos de marzo se percorrerá parte da Senda Panorámica de Vigo (GR-53). A primeira saída será este domingo día 4 pola zona do Monte Forestal de Cotogrande. A segunda etapa, o domingo día 11 sairá do Parque Forestal de Bembrive ata o de Zamáns para continuar dende este punto o domingo 18 a terceira etapa, que discorrerá ata o Monte Alba. A última parte da senda, que salvará a distancia entre o Alba e o monte de Saiáns se percorrerá o domingo 25.
Abril
Os domingos de abril (e o primeiro de maio) faranse unha serie de percorridos polos monumentos naturais en pedra da comarca, visitando lugares tan simbólicos como Monte Aloia o 8 de abril, Pena Corneira (Leiro) o día 15, Monte Pindo (Carnota) o domingo 22, Pregamento xeolóxico de Campodola (Quiroga) o 29 de abril e o Monte Galiñeiro o 6 de maio.
Durante o mes de abril a concellería de Medioambiente pon en marcha unha nova iniciativa de paseos polos montes de Vigo. Uns percorridos de hora e media ou dúas horas de duración que terán lugar nas tardes dos sábados. O primeiro paseo está previsto para o sábado día 7 polos Montes de Saiáns, o 14 de abril percorreranse os montes de Bembrive, o 21 os de Zamáns e o 28 pasearase os montes de Candeán. Na fin de semana do 28 e 29 de abril tamén se celebrará a primeira ruta por Galicia do ano, na que se viaxará a Serra do Courel.
Maio
O 13 de maio se celebrará a V Andaina polos montes de Vigo, un chamamento para que todos os vigueses saian a camiñar os montes que circundan a nosa cidade. Ao igual que nas pasadas edicións haberá percorridos de diferentes distancias para que cada un escolla o que mellor se adapta a súa forma física. Tamén en maio, se visitarán as Illas Cíes, con dúas saídas os domingos 20 e 27. As familias teñen a opción de participar na acampada familiar nas illas, neste caso sairán o sábado 19 ou 26 e volverán ao día seguinte.
Xuño
Coa chegada do bo tempo chegan tamén as saídas nocturnas, que se celebrarán os sábados de xuño. A primeira o 2 de xuño será polos montes de Zamáns, na do 9 de xuño se visitarán os montes de Candeán e por último o día 16 se fará unha excursión ao Observatorio Astronómico de Forcarei. A fin de semana do 2 e 3 de xuño terá lugar a segunda ruta por Galicia do ano, que nesta ocasión visitará a Serra dos Ancares. Nas derradeiras fins de semana do mes, faranse acampadas familiares en Vigozoo.
Formación
O programa tamén inclúen diferentes actividades de formación relacionada co medioambiente. Como novidade, entre marzo e xuño se desenvolverá un ciclo de conferencias no Auditorio de Vigozoo. Comezarán o 22 de marzo coa conferencia ‘A vida dos planetas’ e se irán sucedendo cada xoves ata o 14 de xuño. Os temas a tratar serán (por orde de celebración): ‘O que ninguén me dixo antes de ter un can’, ‘O mundo das orquídeas’, ‘O cambio climático xa está aquí, como nos vai afectar?’, ‘O ceo de Vigo’ e ‘Astronomía e reloxos biolóxicos’.
Volverá celebrarse o curso sobre viticultura para aprender a diferenciar os viños galegos, terá lugar na Asociación de Veciños do Casco Vello os días 10 de marzo, 21 de abril, 5 de maio e 26 de maio. O curso de iniciación ao voluntariado medioambiental celebrarase o 10 de marzo e repetirase o 2 de xuño. E por último, haberá un curso básico de hortas urbanas con dúas quendas a escoller o 10 ou o 15 de marzo.
Como inscribirse?
Chamando ao 010 (dende o móbil: 986 810 260) na propia semana para a que está programada a actividade, agás as rutas de Galicia que as inscricións se farán con dúas semanas de antelación.