A rede somos nós
Pasaron vinte anos daquel estoupido fantástico de revolta popular que foi chamado Nunca Máis. Fica viva a memoria dunha paixón colectiva que soñabamos permanente. Desde aquela, a acción das forzas do capitalismo non só non cesou no exercicio da súa pulsión devoradora senón que mesmo intensificou o seu vigor. O Nunca Máis foi un soño que non se cumpriu, pero que permanece latexante, disposto a reactivarse. Ás veces semella que, dun momento a outro, imos estoupar definitivamente. Sobran motivos.
O día 5 de decembro de 2002, catro días despois da colosal manifestación que nos xuntou en Santiago de Compostela a varios centos de milleiros de persoas indignadas contra o desleixo, o cinismo e a complicidade servil dos gobernantes do Partido Popular, publicouse no xornal A Nosa Terra un artigo da miña autoría no que declarei esta evidencia: “As enchentas do capitalismo devorador e salvaxe, único e sen matices, sedento de petróleo, famento de petrodólares, conclúen de cando en vez na sórdida madrugada dun vómito excedente e asasino. Terrorismo de estado, crime contra a humanidade perpetrado desde a mesa compartida entre empresarios e dirixentes políticos da caverna, que son a mesma cousa pegañenta, o mesmo magma de xofre e alcatrán”.
Contra esa cousa pegañenta escribín daquela —ademais de diversos poemas, artigos e discursos— o texto do manifesto que, desde a Plataforma contra a Burla Negra, da que formei parte, me solicitaron para ser lido no remate da manifestación celebrada en Vigo o día 11 de decembro de 2002. Non esquecerei nunca o arreguizo de emoción e de vertixe que me percorreu o corpo dos pés á cabeza e que me ameazou cunha parálise de silencio no momento en que me dispuxen a ler aquel escrito desde o alto da plataforma instalada na Porta do Sol, fronte a multitude que enchía a praza e as rúas de Policarpo Sanz e do Príncipe, mentres de lonxe aínda se albiscaba a sombra enorme da xente a baixar pola rúa de Urzaiz. Comecei declarando: “Hoxe Galiza é unha rede do tamaño do mundo, unha irmandade popular de mariñeiros en loita contra un monstro descomunal de alcatrán e censura, contra unha besta apocalíptica de cinismo e brea, cobra cósmica de piche e de mentira”. E rematei afirmando: “a rede somos nós”.
Naquela rede vivín, vivimos milleiros de cidadáns prendidos de entusiasmo político. En Vigo participamos en accións de moi diversificada feitura, moitas delas deseñadas desde a Plataforma contra a Burla Negra —a sección cultural do Nunca Máis—, que nos encargou a Xela Arias e a min a organización dun recital poético integrado no programa dos “concertos expansivos”, un total de 130 actos celebrados en toda Galiza o día 1 de febreiro de 2003. Foi no Café de Catro a Catro, con Manuel Antonio a presidir a revolta e os poetas da cidade a teimar no tecido da rede combativa e solidaria. Memoria —e soño aínda— dunha paixón multitudinaria que ninguén nos vai roubar.
Xosé María Álvarez Cáccamo
Escritor