REVISTA ABRIL

A falta de rúas, os merdeiros asaltan á rede con este vídeo

O merdeiro é un personaxe do entroido vigués de caracter popular que remitiu nos anos 20 do século XX por medio de ordenanzas municipais que sen mentalos atacaban a súa figura. Desde hai máis dunha década, a Asociación Etnográfica A Merdeira traballa para recuperar a súa figura e instaurala novamente nesta celebración tan festiva. Hoxe mesmo, a falta de poder saír a rúa, presentan este vídeo para continuar este labor tan necesario.

REVISTA ABRIL

Este non vai ser un Entroido de verdade, entre outras cousas porque non veremos aos Merdeiros amolando a todo o mundo que pasee pola zona antiga. A orixe desta figura atópase no Berbés, como unha forma de escarnio da xente do mar aos labregos de extrarradio, que ían á ribeira a buscar os restos de peixe, chamado escabiche.  Procuraban ridiculizar aqueles elementos do traxe e aparellos de faena máis representativos dos traballadores do campo, esaxerando o seu comportamento ante a sociedade. Este ano celebrarían 15 anos consecutivos facendo das súas, novamente, polas rúas do Casco Vello, mais esta vez non poderá ser. As falcatruadas destes enmascarados non teñen sentido se non poden interactuar, falar e tocar aos peóns, polo que este Entroido toca quedar na casa.

Iso non implica que non teñan preparadas un par de cousas. Primeiramente estrean un pequeno vídeo onde debullan que é o Merdeiro e que representa a súa figura. Esta breve mostra audiovisual está dispoñible nas súas redes sociais como na páxina web. Ao mesmo tempo este tamén foi enviado aos centros educativos xunto a diverso material didáctico co fin de achegar esta figura entroideira aos máis pequenos e mozos da cidade, xa que este ano non puideron realizar as súas tradicionais visitas ás escolas. Esta actividade de gran relevancia para a Asociación, polo que o vídeo é unha forma de poder visitar estes lugares sen pisalos fisicamente. En segundo lugar decorarán a Zona Vella, lugar tradicional das saídas, con figuras e imaxes de diferentes merdeiros, para continuar presentes no día a día do Entroido.

Volvendo ao vídeo, comezou como un proxecto moi simple que gravarian nas súas propias casas, mais deu a casualidade de que un dos merdeiros traballa no ámbito audiovisual, polo que conseguiu a varias persoas para colaborar de maneira voluntaria. Iso explica a boa factura técnica da peza, que serve para poñer en valor esta tradición tan nosa.