Marta Bachek: “A música é o meu instrumento de combate”
A pianista ucraína Marta Bachek ofrece dous recitais de piano no Vitruvia esta fin de semana co obxectivo de recadar fondos para axudar no seu país de orixe. Bachek é unha das 13 estudantes que chegaron ao Conservatorio Superior de Música de Vigo hai un mes, escapando das bombas grazas a unha beca Erasmus.
Marta Bachek, de 23 anos, ten gravado na memoria o estrondo que a sacou do seu sono o 24 de febreiro. “Sabía que a guerra comezara, pero non imaxinaba que xa estivese no meu barrio”. A estudante ucraína vivía na cidade de Járkov coa súa nai e os seus avós e estudaba o segundo ano de piano no conservatorio desa cidade. Os seguintes días ela e os seus compañeiros de clase dedicaron horas a buscar centros de estudos que os acolleran: becas, estancias, o que fose. Cada vez eran menos en clase, “era unha carreira por fuxir”.
A través do programa Erasmus contactou con varios conservatorios europeos e a resposta que máis lle convenceu foi a de Vigo. “Explicáronme todo, desde o programa de estudos ata a forma de vida e que eles me buscarían unha familia de acollida”. Un par de emails foron suficientes para que Marta se despedise da súa familia e collese o seguinte tren de evacuación que saía de Járkov, iniciando así unha travesía de 10 días, nos que colleu ata 11 trens e autobuses para atravesar Ucrania, Polonia, Alemania, Francia e España.
Conta que está feliz coa acollida, tanto no Conservatorio como na casa, aos que considera “a miña familia española”, pero que, por desgraza, non deixa de sentirse “culpable” por ter abandonado o seu país. “Son incapaz de simplemente sentarme a estudar e esquecer o que pasa na miña cidade. Necesito sentirme útil”. Ese inxusto malestar foi o que a levou a plantexarse como podía axudar e a decatarse de que a música e o piano eran o seu instrumento de combate. “Se a miña familia está loitando eu quero loitar tamén”, sentencia con forza.
Confesa estar nerviosa cos recitais. “Son só unha estudante”, esta será a primeira vez que se enfronte a un concerto no que ela é a única intérprete. O repertorio estará formado por pezas clásicas de compositores como Beethoven ou Debussy e un amigo do Conservatorio fará de pasapáxinas voluntario.
Os concertos de Marta son esta fin de semana no Café Vitruvia , sábado 23 e domingo 24 de abril, ás 12:30h e os fondos recadados serán empregados para axudar ás persoas que sofren as consecuencias da invasión rusa, a través de diferentes ONG. A xoven pianista aspira a poder seguir con esta iniciativa: trocar música por axuda humanitaria.
Outro xeito de apoiar o traballo como pianista de Marta Bachet é seguila na súa canle de Youtube, onde retransmitirá en directo o concerto do domingo.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024