CAMELIAS MASCOTAS

María Reimóndez: «Vexo máis violencia no sector literario que no boxeo»

María Reimóndez Meilán (Lugo, 1975) acaba de recibir o Premio Jules Verne de literatura xuvenil outorgado por Xerais coa obra Furia, unha novela en que a protagonista atopa no boxeo o refuxio nunha adolescencia marcada pola perda de súa nai. A través desta historia, Reimóndez quere achegarnos ao mundo do puxilismo, que vive rodeado de clixés que están moi lonxe da realidade segundo nos indica a autora, pois ela mesma practica este deporte.

María Reimóndez en La vieja escuela | Fotos: Pablo Vázquez.

Cando empezaches a practicar boxeo e por que?

Empecei no ano 2017 e foi un pouco casual. Vivín en diferentes lugares de Gran Bretaña e alí fun a clases que combinaban exercicios aeróbicos cun pouco de boxeo e sempre me interesou esa parte, pero tampouco tiña máis idea do asunto. Foi no 2017 no ximnasio Tabazos, onde Alexis Iriarte, que é sobre todo practicante de taekwondo, me meteu o interese por este deporte e me fixo entender en que consiste. É unha actividade moi esixente tanto a nivel físico como de estratexia, moi complexo e para min foi descubrir un espazo en que atoparme moi a gusto, que respondía moi ben á miña personalidade, a miña maneira de estar e de relacionarme.

Hai moitas ideas preconcibidas sobre este deporte, sempre se relaciona o boxeo coa violencia… Ti pensabas así antes de empezar a practicalo?

Non, polo motivo que fose, non partín desa base. Seguramente por toda a miña bagaxe como feminista de deconstruír moitas ideas, mesmo do que é a propia violencia. Para min, violencia é outro tipo de agresións, a desigualdade, a discriminación… O boxeo non ten nada que ver con iso. É certo que se trata dun espazo moi masculinizado, é habitual que eu sexa a única muller na sala ou que só sexamos un par, pero para min iso nunca foi en detrimento. Eu teño bastante claro que para as mulleres é moi importante ocupar espazos en que sexamos capaces de xogar cos nosos límites, aprender o que é o contacto físico; todo isto dentro dun espazo regulado.

Pensas que o feito de que exista ese contacto físico é o que fixo que historicamente as mulleres estivesen afastadas do puxilismo?

Malia estar moi masculinizado, o boxeo é un espazo bastante acolledor para as mulleres, hai moi poucas consideracións e comentarios sobre o físico. Cousas que acontecen noutros espazos deportivos como menosprezar que haxa xente con diferentes tipos de corpo e distintas capacidades é algo que non atopo aquí. Ao dicir que practico boxeo podo dar moitos exemplos de xente que se arrepía e mesmo que chega a dicirme: «Como vas a que che peguen?». Á miña idade non me vai influír o que me poidan dicir, pero para unha rapaza é moi difícil poder acceder a eses deportes por estes motivos.

Que foi o que te enganchou?

Enganchoume por unha parte a esixencia física e o nivel de resistencia. É un deporte moi completo que ten moitos beneficios evidentes porque traballas forza, cardio e coordinación. E ademais é un deporte de estratexia; hai que pensar que sempre combates contra outra persoa, entón son dúas personalidades, dous corpos, dúas maneiras de facer… Agora estou no ximnasio La Vieja Escuela, onde hai xente que compite a nivel profesional; eu paso moito tempo observando estes deportistas para intentar aprender. É o que dicía antes, hai un ambiente moi saudable.

Por que pensas que é necesario achegar este deporte á sociedade?

Porque hai moitos prexuízos e, en realidade, polo menos para min, é un espazo de seguridade moi importante. En todos os lugares onde me movín sempre me sentín sumamente ben acollida. É certo que nos espazos de boxeo hai moitas persoas que están nas marxes da sociedade, falo de persoas migrantes, ou colegas de etnia xitana; este é un espazo de convivencia. Entón, calquera prexuízo que a sociedade teña con respecto a certas persoas, tamén se aplica nos espazos que ocupen. Hai moitos rapaces e homes, e falo en masculino porque son a maioría, que aquí atopan un lugar no que estar e relacionarse fóra doutros ambientes nos que si que hai violencia de verdade. Unha das cousas máis importantes do boxeo neste sentido penso que é o tema da disciplina, que axuda a moitas persoas que están en situacións complicadas a ter un compás que lles permita ter unha estrutura. É moi lamentable que un espazo tan construtivo sexa deconstruído socialmente como un espazo marxinal de violencia, cando na miña experiencia é todo o contrario.

A protagonista da túa última novela, Furia, atopa no boxeo o refuxio. Canto hai de autobiográfico na personaxe de Cecilia?

Na personaxe en si mesma non hai tantas cousas, pero si na experiencia. Ela atópase nesa etapa da vida en que temos pouco dominio sobre o que nos acontece. O boxeo é ese compás, ese espazo de seguridade onde ela atopa un lugar onde explorar o que lle pasa, as súas emocións, as súas capacidades físicas, e nese sentido está moi en sintonía comigo. Así e todo, a vida de Cecilia non ten moito que ver coa miña.

Sendo ti unha persoa adulta, non che resulta complicado conectar coas xeracións máis novas?

Penso que temos prexuízos, creo que o importante á hora de comunicármonos con adolescentes ou con máis peques é entender que son persoas. A min moléstame un pouco a visión infantilizadora, unha cousa é falar nunha linguaxe que sexa comprensible para unha idade determinada e outra cousa é pensar que a xente por ser pequena é parva. Eu procuro falar de igual a igual. A vantaxe de ser máis vella é que xa pasaches pola adolescencia e, por moito que os tempos cambien as emocións, as relacións humanas coas que eu conectaba de nova seguen sendo as mesmas. Eu sigo escribindo desde esa óptica, a da lectora que fun cando era adolescente.

Un dos teus temas recorrentes, tamén presente neste último libro, é o da procura de identidade. Por que esa teima por atopar o noso lugar no mundo?

Penso que a xente á que lle vén dado o seu lugar no mundo é, posiblemente, porque está nunha situación de privilexio. Ás persoas que por calquera motivo non estamos nun eixo de privilexio central, a sociedade sempre nos obriga a estar buscando referentes, unha identidade. Eu escribo para esas persoas, e non para aquelas que nacen cunha identidade moi clara e asentada e non teñen preguntas que facerse nese sentido; se despois me len, perfecto, porque iso tamén axuda a comprender outras realidades. Pero eu son sempre moi consciente de cales son as voces que non están ou que para min non estiveron, cando era cativa ou adolescente.

É a segunda vez que recibes un premio de Edicións Xerais, o primeiro foi o de narrativa con Desde o conflito. Como de importante son estes recoñecementos?

Calquera recoñecemento en si mesmo é moi importante. Sobre todo para nós, que escribimos en galego, que estamos escribindo nun sistema literario bastante complexo e que perdemos falantes constantemente. Os premios son importantes desde o punto de vista emocional e tamén desde o punto de vista económico. Neste caso aínda máis, porque Xerais é a miña casa. Ademais valoro moito estes premios porque teñen un xurado diferente cada ano, son premios nos que non hai vicios adquiridos. Son persoas próximas á lectura, pero que non están dentro do sistema literario e penso que valoran cousas que están máis próximas ao sentir dos lectores. Iso pode ser un garante de que conectaches co público.

Lin nunha entrevista que xa non les obras de homes brancos heterosexuais. Pensas que non teñen nada interesante que contar?

Hai que ter en conta que durante todo o ensino só se dan a ler certas voces, logo temos o resto da vida para remedialo. A min, como lectora, o que me interesa é ler voces que conecten comigo e que me abran a cousas novas, tanto desde o punto de vista formal como desde a trama. Como xa tiven vinte e tantos anos de ler homes, neste momento non teño esa necesidade. Se o que escriben é interesante ou non, pois haberá moita xente á que lle interese. De feito seguen publicando maioritariamente, porque as cifras seguen sen mentir.

Como fixeches ti ese descubrimento de voces novas?

Tiven a sorte de atopar na Universidade de Vigo coa profesora Belén Martín Lucas, que impartía daquela unhas materias sobre feminismo e literatura poscolonial; a partir de aí foi cando empecei a ser consciente de que o que levaba absorbido ata ese momento era un modelo patriarcal e androcéntrico. Agora, en todas as linguas que falo, fago un esforzo moi obxectivado de buscar certas voces: pregúntome onde están as mulleres racializadas, as mulleres dos países do sur, as disidentes de xénero… Como lectora éme marabilloso, porque leo unhas obras fantásticas e logo tamén procuro traducilas e intento que algunhas cheguen as ser publicadas en galego. Pero é un proceso no que tes que facerte consciente, porque ao final o que che poñen de diante, o que se fai visible por defecto, son as obras masculinas.

Que recomendacións farías tanto do que se está escribindo en Galicia como fóra?

Neste espazo non podo deixar de recomendar o proxecto Delincuente, de Nuria Vil, no que fai unha revisión potentísima da historia recente de Vigo a través de poesía e performance. Temos unha potencia de autoras tremenda, pero por nomear algunhas obras, recomendo Xa vemos palmeiras, de Ana Cabaleiro, e mais Seique, de Susana Sánchez Arins. En canto a autoras estranxeiras, acabo de traducir Trompeta, da autora escocesa negra Jackie Kay. Eu lin este libro en 1998 e quedei tan abraiada que desde entón estiven detrás de que alguén o publicase en galego. É unha novela tremenda, tanto no contido como na maneira de contar.

As escritoras galegas seguen a ter máis dificultades polo mero feito de ser mulleres?

No que hai moi pouco cambio é na recepción das obras por parte do propio sistema literario. Parece que cando unha autora gaña un premio é como se o gañasen trescentas, gañan tres autoras nun ano e xa é o ano das mulleres. Este ano aconteceu cos premios nacionais que recibiron Paula Carballeira en literatura dramática, Yolanda Castaño en poesía e Pilar Adón ennarrativa,e xa é como se houbese unha eclosión. Pero canto tempo levan estas mulleres escribindo e traballando? É lóxico que reciban estes recoñecementos, o raro sería o contrario. E non nos fixamos en todos os outros anos en que non gañou ningunha muller. O mesmo acontece co Día das Letras Galegas: é aberrante que despois de cincuenta e tantas edicións se homenaxearan só cinco ou seis autoras, que teñamos que seguir insistindo en que non abonda cun ano dunha Xela Arias ou unha Luisa Villalta, que ten que haber unha continuidade, porque logo a escusa é que non había mulleres, pero por suposto que houbo mulleres en todas as épocas. Preocúpame a recepción no sentido de que ese factor é o que despois te elimina. A recepción de María Xosé Queizán, que aínda está viva, é un borrado sistemático. Cando eu empecei ela xa levaba anos publicando, pero a recepción das súas obras e a das miñas non se diferencian tanto, nin tampouco o tipo de violencia que recibimos. E insisto: vexo máis violencia no sistema literario que no boxeo.

Que che pareceu Vigo en 1993, cando chegaches aquí, e que che parece agora?

REVISTA NOVEMBRO

Paréceme que daquela a desigualdade na cidade estaba máis visible fisicamente e agora está máis oculta. A min isto preocúpame, porque hai unha fachada que se foi creando dun Vigo bonito, pero debaixo diso hai moitas realidades que quedan moito máis ocultas que naquel momento. Antes era moi evidente que había persoas sen fogar, que había drogas, que había sitios perigosos polos que non podías andar pola noite… Todo iso estaba moi presente, e implicaba que se fixesen intervencións para mellorar a vida das persoas no municipio. Penso que agora todo iso está máis oculto, e cando as cousas están ocultas non se toman medidas para poñer solución. A xente que vén de fóra pode pensar que Vigo son catro rúas bonitas, pero a vida da cidade está nos barrios, onde conviven moitas realidades e iso tamén é o que para min fai que a cidade sexa un fogar, porque é moi multiforme.

Polo teu oficio como intérprete de idiomas e os proxectos de cooperación nos que colaboras viaxas moito, cousa que te levaría a coñecer outras realidades. Cal pensas que é o reto máis inmediato que temos como sociedade?

Cambiar a perspectiva. A maioría das veces, somos incapaces de ver o mundo fóra dos nosos propios intereses. Con cada suposta solución estamos creando máis problemas, porque non queremos ir á base. Mentres non deixemos de pensar que como suxeitos brancos e occidentais temos o coñecemento absoluto do mundo imos de cu, porque non estamos analizando a raíz da problemática. Por poñer un exemplo próximo: non ten sentido que eu me opoña á enerxía eólica porque afecta aos montes onde vivo, pero logo eu non reduza o consumo de enerxía.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.