VIALIA
CAMELIAS NADAL

‘As costas de Vigo’ por María Reimóndez

Esta é unha cidade na que, por fortuna ou por desgraza, unha fai deporte case involuntariamente. Fronte a tanta xente que se laia da orografía da cidade (e é evidente as dificultades de mobilidade que implica para certas persoas), eu son das que a abraza con ledicia. Con camiñar, esa actividade á man de calquera, pode unha adquirir unha boa forma física.

Sobre esta cidade deportiva por orografía, e en particular sobre o meu barrio, As Travesas, hai pouco que tiven que escribir un relato longo para o proxecto Historias para coñecermos Vigo, de Catro Patacos e a Editorial Elvira. Decidín entón prestar atención á práctica do hóckey herba que antes da Guerra Civil mobilizou a moitas mulleres na nosa cidade. Nun clima de liberación, as vinculacións políticas, de espazo persoal e de recuperación da saúde e do corpo, reuníanse nos partidos que se xogaban onde hoxe está a praza da Industria, nun barrio integrado principalmente por leiras e regatos. Alá, as xogadoras sacaban os paus e recadaban cartos para causas sociais, axitaban e retaban ata a oficiais da mariña británica a partidos nos que estes últimos non saíron ben parados.

CAMELIAS NADAL

Subindo e baixando costas, aquelas mulleres e tantas outras, practicaron deporte como un exercicio de oposición á opresión. A mesma costa que hoxe soben aínda as xogadoras de fútbol profesional que reclaman uns dereitos laborais mínimos na era dunha Serena Williams ou, antes ca ela, a baloncestista Diana Taurasi, que padecen penalizacións por non acatar a vestimenta «oficial» decidida para elas polos homes. As costas polas que as mulleres aínda temos que seguir correndo non afectan só as profesionais: agóchanse tamén na cultura da delgadeza e da beleza que nos impiden entender que o deporte non se fai, como resumía o desafortunado comentario dunha instrutora de ximnasio «para agora poder comer un dónuts», senón porque é un elemento de xogo e diversión, de liberar tensión, de benestar e, algo fundamental para as mulleres, de explorar e coñecer o noso corpo como potencial e non como limitación e problema.

Recuperar a historia das mulleres que practicaron deporte en Vigo non é un simple paseo polos cumes e vales do pasado, senón a celebración daquelas que nos inspiran a seguir camiñando. E tamén a reclamación de espazos, incentivos e responsabilidades a quen ten poder no mundo deportivo, empezando por un dos cumios máis obvios: para cando o Celta feminino?

María Reimóndez
Escritora

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Novembro. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]