CAMELIAS MASCOTAS

Marcha solidaria ‘700 camisetas contra a Leucemia’

O domingo 3 de xuño celebrarase a marcha solidaria entre Vigo e Pontevedra ‘700 camisetas contra a Leucemia’ que aspira a superar os 700 inscritos da pasada edición.

REVISTA NOVEMBRO

Aberto o prazo de inscricións para participar na novena marcha solidaria ‘700 camisetas contra a leucemia’, que se celebrará o vindeiro domingo 3 de xuño. Os participantes teñen a opción de salvar os 36 km que separan Vigo de Pontevedra a pé ou correndo por esta boa causa, que aspira a superar os 700 inscritos do ano pasado. Este evento, organizado por Asociación Frangil, quere sensibilizar á poboación sobre a necesidade de que aparezan novos donantes de medula ósea e de sangue do cordón umbilical. Cando arrancou o proxecto, no ano 2009, había 60.000 rexistros en España, agora hai 340.000. Un índice claro de que campañas coma esta son precisas para que a poboación tome partida.

A marcha partirá do Centro Comercial a Laxe, os camiñantes sairán ás 9:00 da mañá e os corredores e membros de DISCAMINO arrancarán as 10:00. A ruta discorrerá polo camiño de Santiago, cunha pequena modificación a edicións pasadas: dende o alto de la Encarnación (Chapela) ata a parte alta de Redondela os participantes non discorrerán pola N550. Desta maneira réstaselle perigosidade ao percorrido.

Ao igual que en pasadas edicións haberá avituallamento ao longo da ruta e servizo de masaxista gratuíto ao finalizar a marcha, na praza da Peregrina de Pontevedra. As inscricións están abertas a través da web do evento ata o 30 de maio.