REVISTA ABRIL

Magüi Berto (Ginebras): “Non me escondo, gústanme moitas cancións de reggaeton”

Fan acérrima dos Beatles e das cancións Disney, a coruñesa Magüi Berto lidera Ginebras desde hai un par de anos, tempo suficiente para convertirse nunha das sensacións da música pop actual. Cunhas letras frescas e desprexuizadas, aderezadas con melodías máis apegadizas que a cancionciña do Mercadona, estas catro rapazas parecen ter collido o pulso dunha xeración.

Magüi (segunda pola dereita) xunto ao resto das súas compañeiras de banda | Ginebras

Falamos con Magüi Berto xusto o día que lanzan ‘La ciudad huele a sudor’, un tema que sabe (e cheira) ao material do que están feitas as cancións do verán. Eu xa estaba advertido de que estas rapazas (Sandra, Raquel e Juls completan a formación) tiñan un aquel especial. Hai un ano, tras tocar no Barbeira Season Fest, unha amiga recomendoumos encarecidamente e, aínda que tardei en facer caso ao seu consello, hoxe podo falar coa voz cantante da agrupación antes do seu concerto no festival Vive Nigrán, onde actuarán o venres 16 xunto con Natalia Lacunza.

“Tocar aí é o que máis ilusión me fai, porque aínda que eu nacín e me criei na Coruña, meus pais levan anos vivindo na provincia de Pontevedra”, comenta con ledicia Magüi, quen xa se sinte como unha triunfadora por poder estar xirando por España coas súas amigas tocando as súas cancións. Unhas cancións, por certo, que xa desde o primeiro momento te atrapan. Xa sexa a melodía ou a letra, algo teñen que non hai quen as quite da cabeza. Son tan simples como parecen? “Metade e metade. Falamos do que nos pasa, a maioría de cancións saen de conversas entre nós, pero si que é certo que as letras están bastante pensadas para que sexan irónicas e divertidas”, explica.

REVISTA ABRIL

A diversión é un dos eixos centrais das súas composicións, aínda que non descarta que nun futuro lles saia “unha vea dramática”, pero polo momento teñen pensado seguir nesta tónica: “As cancións tristonas tamén fan falta, pero xa hai moitas baladas e cancións de amor”. O amor tamén está presente no seu disco Ya dormiré cuando me muera (2020), pero sempre desde unha óptima distinta. En ‘Paco y Carmela’ falan das novas relacións na idade adulta, en ‘Metro de Madrid informa’ sobre un frechazo neste medio de transporte e en ‘Campos de fresa para siempre’ realizan unha fermosa homenaxe cargada de referencias á súa banda de cabeceira: The Beatles. “Son os nosos ídolos, iso creo que xa quedou claro. Eu teño un póster deles na miña casa, e un día estabamos a falar da súa música e pensamos que fixeran tanto por nós que merecían unha canción”, rememora a artista galega.

E como levan iso de que se fale delas como “unha banda de mozas”? “Por un lado está guai que sirvamos de referentes para as nenas e se visibilice o labor das mulleres músicos, pero polo outro é algo que está tan de moda que ata parece un novo xénero musical. Compáranos con outros grupos de rapazas aínda que musicalmente non teñamos nada que ver polo simple feito de ser mulleres tamén”. O pop si que é un xénero que elas dominan con suficiencia, pois veñen de gañar recentemente nos Premios da Música Independente o galardón de Mellor Álbum de Pop do ano. 25 minutos bastáronlles para quedar por enriba da viguesa dani ou de pesos pesados como Joe Crepúsculo ou Zahara, co seu proxecto _juno.

Xa que no seu tema ‘La típica canción’ falan deses placeres culpables musicais que todos temos, eu confésolle que o meu é Maná (aínda que culpabilidade sinto pouca). Ela segue a misma filosofía: “Eu nunca sentín vergoña en dicir as cousas que me gustan. Non me escondo: gústanme moitas cancións de reggaeton, ou que de súpeto Pablo Alborán saque un tema e me flipe. Eu por exemplo adoro Disney, coñezo todas as súas cancións de memoria”, recoñece Magüi cunha naturalidade que se pode palpar tamén na súa, de momento, breve pero intensa obra.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.