REVISTA MARZO

Luís Torras: «Quero que me dea tempo a rematar o cadro que estou pintando»

Luis Torras Martínez (Vigo, 29 de decembro de 1912) recíbenos na súa propia casa durante unha mañá de chuvia, tan propia deste tempo. O estudio do pintor, decano dos artistas en activo do Estado, sitúase no segundo andar dunha das poucas vivendas unifamiliares que aínda resisten a poucos metros da praza de España. Pinturas, cabaletes e lenzos de tamaños moi diferentes enchen o cuarto. Torras pasa aquí boa parte do día. Érguese cedo, almorza e péchase a pintar ata a hora do xantar. «Acabo esgotado», explica o artista, e engade que o resto do día se dedica a pensar en como vai continuar a obra. De faccións marcadas e pel delicada, ten o nariz aquilino e unhas as mans delgadas de dedos finos coas que dá cada pincelada. Móvese paseniño por toda a estancia e, para me facer sentir cómoda, acaba por sentar nun sofá de coiro marrón. Eu sento á beira del e mírame cun ollar tan vivaz que mesmo parece que vaia ser el o que faga as preguntas. «Disque estar moito tempo de pé é malo, pero eu non sei quedar sentado», sinala con retranca, pois tan mal non o faría cando está ás portas dos 110 anos.

Cóntame que a paixón que sente polo pincel lle veu de ben noviño, preto da vivenda onde naceu —na rúa de García Barbón, a poucos metros da igrexa de Santiago o Maior—. Daquela tiña un veciño que se dedicaba á medicina, pero que era un devoto da pintura. «Tiña cadros ata no retrete, a min todo aquilo chamábame moito a atención», afirma. Logo empezou a pintar e axiña tivo claro que aquilo era ao que lle quería dedicar a vida enteira. Marchou para Madrid en 1935 e ingresou na Real Academia de Belas Artes de San Fernando (RABASF), pero todo se tronzou pola guerra. No verán de 1936, mentres desfrutaba dunhas vacacións na casa, chamárono a filas. Este home, que viviu as dúas guerras mundiais e pandemias como a da gripe de 1918 ou a da COVID-19, ten claro que a época máis escura foi a da guerra civil. «Colleume no mellor momento da vida. Nunca me interesou a política e nunca pertencín a ningún partido, pero mobilizaron á xente, aínda que a maioría non tiña interese por todo aquilo», explica taciturno. A aínda que sobreviviu á guerra, unha ferida de bala deixouno xordo para sempre.

Debuxa un sorriso grande na cara ao lembrar unha anécdota daqueles tempos: «Recordo que en Madrid coincidín nas aulas con Antonio Buero Vallejo; díxome que me afiliase á Federación Universitaria Escolar (FUE), xa que co carné podía entrar gratis en todos os museos; eu non tiña nin idea de que aquela organización estudantil tivese un vínculo político e pareceume unha idea estupenda. Despois da guerra, un compañeiro escultor contoume que foran á miña procura para fusilarme por pertencer á FUE. Sorte que eu xa regresara a Vigo», ri. De volta na cidade natal, Torras decidiu sacar a oposición para entrar como docente na Escola Municipal de Artes e Oficio (EMAO). «Fun dos poucos que sacou a praza, o resto entraban a dedo», sinala. Alí botou varios anos ata que o deixou, «porque me ocupaba demasiado tempo», pero garda bo recordo da xente que coñeceu. «Hai un grupo de alumnos que tiñan verdadeira vocación, a eses sempre os axudei no que puiden e eles sempre están pendentes de min», afirma. De feito, en 2016 quixéronlle rendere unha homenaxe na que participaron artistas como Remigio Davila, Pilar Extremodouro, María del Carmen Miniño, Silverio Rivas, Mingos Teixeira ou Xurxo Vázquez. «O traballo como profesor valeume para gañar a vida, xa que vivir da pintura é moi complicado», explica. Engade que, posiblemente, as obras que leva asinado serán máis valoradas despois de que morra. De todos os xeitos, asegura que pode marchar satisfeito porque recibiu o recoñecemento de moitos pintores e iso faino sentir moi alagado. Pregúntolle pola relación con Laxeiro, pois cónstame que se coñecían. Asente coa cabeza e explícame que sempre que coincidían botaban uns bos parrafeos. O de Lalín recoñeceulle en varias ocasións sentir admiración polo seu traballo. «E iso que era moi crítico con outros compañeiros», apostila.

A Casa das Artes acolle desde 1998 a Colección Torras, unha selección de 50 obras doadas polo artista ao Concello e outras 17 cedidas en réxime de depósito. Unha escolma polo mellor das pinturas do artista, seleccionadas coidadosamente por el mesmo. Penso que sería raro que en todo este tempo non vivise algún momento de desencanto, de dúbida ou simplemente de saturación coa pintura, e pregúntollo directamente. «Xamais», nega con rotundidade. «A pintura é a miña obsesión». A súa compañeira de vida, María Jesús Incera, senta nunha cadeira cabo de nós e afirma con graza: «Luis dedicou toda a vida a pintar, sempre co pincel na man!». Aos 100 anos, a muller aparece retratada ao longo de diferentes idades en varios cadros que visten as paredes da casa. «Ela axudoume moitísimo para que eu puidese traballar, investigar e mellorar», afirma con rotundidade o home.

Banner A Movidiña

Outro dos motivos predominantes na súa pintura de Torras é a cidade que nos une. Ten un cadro dedicado ao Nadal de Vigo. «Pero fíxeno xusto antes de que se popularizase tanto», exclama. Engade que lle encantaría baixar ao centro para ver as luces. «Sei que está moi bonito aquilo, pero xa non saio da casa porque moitas limitacións físicas e aquí teño todo o que necesito». Agora mesmo está enfrascado nun carrusel no que leva traballando cerca dun ano. «Levoume moito tempo de estudo, pero penso que xa o teño encamiñado e espero que sexa unha obra de arte. Ou que carallo fago aquí?». Preto de celebrar un aniversario redondo, estamos ante o que posiblemente se trate do pintor en activo máis veterano do planeta. Ao preguntarlle por un desexo, asegura que o que quere é ter tempo para rematar o cadro.

Tamara Novoa
Editora

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.