VIALIA
PLAYDOC

Lucía Taboada: «Abundan as entrevistas con xornalistas dóciles de máis»

Lucía Taboada Vázquez (Vigo, 1986) acaba de estrearse canda o tamén vigués Luis García como presentadora do programa El Desmarque, en Cuatro, a nova aposta deportiva de Mediaset. A xornalista deixa as ondas radiofónicas da Cadena SER, onde traballou durante 13 anos, para enfrontarse ás cámaras de televisión. Falará do seu benquerido RC Celta, equipo do que este ano foi nomeada embaixadora co gallo do centenario. E farao coa mesma ilusión que aquela nena que entrevistaba á xente da casa cun micrófono de madeira que lle fixera seu avó.

Como afrontas o cambio da radio pola tele?

É un gran reto, porque levaba trece anos na radio; basicamente toda a miña carreira profesional. Pero apetéceme probar este formato e estar diante das cámaras, aínda que sinto vertixe como ante calquera cambio profesional gordo, pero tamén ilusión.

Estiveches na Cadena SER desde o 2010, que recordo te levas de todos estes anos?

Todo o que sei sobre a profesión aprendino na radio, porque ademais alí levo feito de todo. Estiven primeiro en A vivir que son dos días, o programa das fins de semana; logo en documentación, que é unha área do xornalismo menos coñecida pero fundamental, que consiste en arquivar todo o rexistro radiofónico. Despois, en Hoy por Hoy aprendín moitísimo con Pepa Bueno, que é unha gran profesional, moi esixente; ensinoume a ser moi rigorosa no que escribía e en todo o que facía. E, por último, estiven catro anos en La Ventana, con Carles Francino, que tamén é un mestre da profesión e aí aprendín un rexistro máis amable, o de contar historias. Non hai nada malo que poida dicir da radio, salvo os horarios e a precariedade, pero isto último dáse en todo o sector.

Hai algunha entrevista ou algún tema que tratases do que gardes un recordo especial?

Gardo un recordo especial da pandemia. De súpeto tivemos que facer a radio desde a casa; foi unha situación extraordinaria. Facilitáronnos un ordenador co noso sistema de son, pero que ía a marchas forzadas, entrando a través de ferramentas que se estaban adaptando ao mesmo tempo… Pero foi sobre todo un reto mental. Pasabamos cinco horas falando da pandemia e escoitando historias, algunhas moi tristes e dolorosas, que facían imposible a abstracción. Despois desas cinco horas tiña que quedar soa na casa asimilando todo aquilo e buscando historias para o día seguinte. Con todo, estou moi orgullosa do que fixemos aquelas semanas, a xente escribíanos e dicía que lle facíamos compañía. Iso para min foi moi valioso.

Es unha das poucas mulleres que teñen unha columna de opinión nun medio deportivo como o diario As. Aínda estamos vetadas nalgúns sitios?

Nos deportes cada vez hai máis presenza feminina, pero é certo que na área de opinión aínda non. Se te fixas nos faladoiros deportivos de calquera medio de comunicación, principalmente son case todo homes. Como moito hai unha muller, é unha presencia moi testemuñal. Tamén faltan narradoras, o ano pasado puidemos ver por primeira vez unha comentarista de fútbol masculino, no Mundial de Qatar. Pero tamén estamos máis expostas por ser menos, porque nas redes sociais eu vin insultos bestiais contra esta rapaza.

Publicaches dous libros ilustrados por Moderna de Pueblo nos que falas en clave de humor sobre a imposición social de que as mulleres sexamos perfectas. Como se poden botar fóra os complexos e deixar de amargarse?

Publicamos eses dous libros hai uns anos, cando aínda non arrancara por completo a vaga feminista e daquela foron moi vendidos, penso que había necesidade de falar do tema. A nivel laboral séguese notando moito, a muller ten que ser perfecta en todos os ámbitos, non pode ser nin dura nin feble… Desa imposición social procede a autoesixencia coa que cargamos para intentar ser perfectas, tamén a nivel físico. Nos últimos anos vivimos unha onda feminista que puxo estes temas enriba da mesa, aínda que asemade estamos vivindo unha contraonda, unha reacción bastante bestial, sobre todo en redes sociais, un rebrote da misoxinia alentada por certos influencers e personaxes públicos… Isto é preocupante, por iso temos que seguir loitando e reivindicando a igualdade.

A partir do 8 de marzo do 2019, con manifestacións masivas, empezou a abrirse unha cisma dentro do feminismo, non che parece?

Si, é evidente que o feminismo está máis dividido. Penso que cando se avanza sempre se abren fendas e é bo que haxa debate. Así e todo, penso que ás veces o feminismo se perde en debates absurdos como nomenclaturas, percepcións moi superficiais que lle fan máis mal que ben ao movemento. Estou vendo bastante controversia, por exemplo, coa «lei trans» e non acabo de entender esta polémica levantada por algún sector do feminismo. Este último 8-M houbo en Madrid varias manifestacións paralelas, con isto o que se consegue é dividir a mensaxe.

Que opinas de que nos medios se lle dea espazo ao discurso reaccionario de Vox?

Penso que hai que darlles espazo, ao final ese partido representa moitos votantes españois. O labor dos xornalistas é, cando procede, rebater con datos, con argumentos e con feitos. Pero, aparezan ou non nos medios tradicionais, o discurso vai estar pululando polas redes sociais.

Na campaña electoral pasada a xornalista Silvia Intxaurrondo desmentiu a Núñez Feijoo nunha entrevista en La hora de La 1 (TVE). Que está a pasar nos medios para que isto fose noticia?

Abundan as entrevistas nas que os xornalistas son demasiado dóciles e non se contrastan os datos das cousas que están dicindo os entrevistados. Alegroume ver que o Colexio de Xornalistas ou os propios traballadores de RTVE saísen en defensa de Silvia. Se o entrevistado está incorrendo nunha falsidade é función do entrevistador dicilo, e preocúpanme que haxa certos sectores e algúns políticos que vexan isto como sectarismo.

Tes máis 130.000 seguidores Twitter (agora X). Que ten esa rede social para ti?

A ver se sobrevive! Ten un pouco de todo. Ultimamente está un pouco turbia e cada vez hai máis troles, máis fake news, moita desinformación… Pero hai unha parte desa rede que me continúa enganchando: o humor. Penso que aínda se pode atopar moita calor aí, non todo é odio.

No libro Hiperconectados falas de como vivimos enganchados ás redes, pero tamén das vantaxes que teñen. Gaña o bo, o feo ou o malo?

Eu non son de deostar as redes sociais, pero son consciente de que xeran certos problemas. O tema dos filtros de Instagram paréceme bastante preocupante, pois fomentan unha percepción do propio corpo que non se corresponde coa realidade. Penso en min mesma aos 17 anos, con todas as inseguridades que tiña como adolescente, e penso que algo así daquela me podería deixar tocada a nivel psicolóxico. Logo tamén está a parte do odio, que as propias redes non son capaces de atallar. Os troles, que simplemente se dedican a atacar e a propagar fake news, non deberían estar na Rede e penso que as noticias falsas son unha das grandes ameazas democráticas que temos hoxe. Pode parecer exaxerado, pero nos Estados Unidos está pasando. En España houbo fake news que se propagaron á velocidade da luz. Estas dúas partes, a da concepción corporal e a hostilidade fan que o mundo sexa un pouco peor. Logo está a outra parte: as redes permítenche coñecer e amplificar mensaxes moi minoritarias, que non chegarían á xente de non ser por elas. Deostar as redes sociais paréceme un erro, pero si que penso que as propias plataformas deberían aplicar mellores filtros; non penso que os problemas sexan unicamente culpa dos usuarios.

Co libro Como sempre, lo de simepre gañaches Panenka en 2019. Nesa obra retratas a paixón que sentes polo RC Celta, de onde che vén o sentimento?

Meu pai fíxome socia aos cinco, canda a miña irmá. Desde que empecei a ir a Balaídos, sentín que ese era o noso templo familiar, algo que transcendía bastante o plano futbolístico. Así que me fixen celtista desde os cinco anos, irremediablemente, non houbo outra opción.

Aínda vivindo en Madrid, onde levas xa vinte anos, permaneces fiel ao Celta?

Por suposto, amáñome para ver todos os partidos. Hai unha peña do Celta en Madrid e algunha vez fun con eles. Tamén é certo que ao haber catro equipos madrileños en primeira axuda moito, porque sempre vou ver o Celta cando xoga contra eles como visitante.

CandaEusebio Sacristán, Míchel Salgado e Fernando González «Gonzo», fuches nomeada polo Celta como embaixadora do Centenario. Como recibiches a nova?

Fíxome moitísima ilusión, porque ademais eu son unha afeccionada supernormal; penso que me fixeron embaixadora como alguén que pode representar os seareiros que nos achegamos ao Celta a través dos nosos pais ou algún outro familiar, que levamos o club no corazón desde pequerrechos. Tamén me fixo moita ilusión por meu pai. É un orgullo e seguirei levando comigo o nome do Celta.

Que che parece a fichaxe de Rafa Benítez?

Positiva. Nunca se sabe, pero é un adestrador con moita experiencia, que é algo do que adoecían moitos adestradores que estiveron no equipo, que non tiñan moita traxectoria na Liga e penso que el pode aportar esa dose de veteranía. Eu estou ilusionada co equipo desta temporada.

Un desexo para o Celta nesta nova temporada?

REVISTA ABRIL

Sería redondo gañar un título neste ano do Centenario.

Desde o teu novo traballo poderás seguir de preto o equipo.

Si, intentarei ser obxectiva, pero seguro que alguén me colle nalgún renuncio celtista.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.