REVISTA ABRIL

Lidia Folgar (nutricionista): ” Medramos nun entorno azucrado e manipuladas pola publicidade”

A nutricionista e divulgadora Lidia Folgar estará este domingo en Vigo, compartindo coas asistentes do festival Y se armó la gorda reflexións e consellos para levar unha alimentación saudable e non pesocentrista.

Lidiar Folgar é nutricionista e divulgadora sobre alimentación. É autora de dous libros ‘Aprender a comer solo’ e ‘La salud en tu plato’, e varios ebooks de receitas saudables, colaboradora da TVG e creadora de contido que axuda a adquirir e manter hábitos saudables ás máis de 30.000 persoas que a siguen na súa conta de Instagram.

Este domingo Lidia Folgar estará en Vigo ofrecendo a charla ‘Comendo desde a consciencia e o pracer’, no local de Emaús ás 16:00 h, dentro da programación do festival Y se armó la gorda. O evento, que inclúe numerosas charlas, obradoiros e encontros gratuítos, reunirá a activistas antigordofobia co obxectivo de camiñar cara unha sociedade libre de vergoñas e complexos corporais. Aquí podes ver a programación completa.

O teu sistema de traballo é non peso centrista. Que quere dicir isto?

Quere dicir que non uso básculas nin prescribo dietas para adelgazar. É un xeito de traballar ao que cheguei despois de moitos anos pasando consulta, cando me decatei de que a báscula creaba obsesión e dependencia nas miñas clientas. A xente quería ver como baixaba o número antes de plantexarse se realmente estaban a experimentar melloras. A día de hoxe, cando as persoas chaman para pedir unha primeira cita, aviso de que non vou medilas nin pesalas, para que ninguén leve a sorpresa en consulta.

Cal foi a alternativa á báscula?

Flexibilizar moito, promover a autonomía dando información e crear hábitos, non restriccións. Hai persoas que precisan mellorar hábitos por descoñecemento, outras que teñen unha mala relación coa comida relacionada coa ansiedade, xente que ven de facer dietas moi restrictivas… cada persoa precisa cousas distintas a un ritmo distinto. Tamén é importante non responsabilizar aos individuos de problemas alimentarios globais. A responsabilididade individual é só a punta do iceberg e o que menos determina os nosos hábitos.

Deberían existir medidas públicas ao respecto?

Por suposto. É urxente regular a publicidade dirixida á infancia para poder tomar boas decisións como adultas. Medramos nun entorno azucrado, manipuladas pola publicidade e as malas praxis dos pediatras que son premiados polas marcas de comida de baixo valor nutricional cando as recomendan. Fannos crer que tomamos decisións libres e conscientes cando non é así.

A mala alimentación está relacionada coas psicoloxía?

Non sempre, pero é das primeiras cousas que averiguamos en consulta. Traballo xunto a dúas psicólogas especializadas que abordan problemas de autoestima, xestión emocional e ansiedade derivada da comida. Lucía Trigo, que tamén estará esta finde en Y se armó la gorda, é unha delas.

Supoño que de cara ao verán, a ‘operación bikini’ acentúa estes problemas

Si, a mala autoimaxe corporal crece no verán. É unha percepción psicolóxica que fai que a persoa pense que o seu corpo está mal, cando, de novo, é un problema social. A solución non é cambiar o noso corpo, senón eliminar os privilexios que socialmente lle veñen dados ás persoas por estar delgadas.

Hai un sesgo de xénero nas persoas que acoden á túa consulta?

Si, un 85% son mulleres. Tamén cambia a motivación para pedir axuda: os homes acoden por problemas de saúde ou recomendados por outro especialista, mentres que as mulleres veñen buscando un cambio de imaxe.

Que podemos facer para non caer en conductas gordófobas no noso día a día?

REVISTA ABRIL

Principalmente non comentar o peso ou aspecto doutras persoas. É tan perigoso criticar a alguén por engordar como felicitala por adelgazar, xa que o reforzo positivo pode crear unha conducta obsesiva por manter o peso. Tampouco debemos comentar que ou canto come unha persoa e moito menos diante dos nenos. Ademais debemos revisar pensamentos que temos interiorizados, como que unha persoa engorda “porque se abandoa” e outra adelgaza “porque o traballa”, xa que na maior parte dos casos non coñecemos os motivos.

Que nos podes adiantar da túa charla deste domingo?

A miña intervención vai estar dividida en dúas partes. Unha teórica, con contexto para rebaixar a culpa individual das persoas, poñendo o foco en que a mala alimentación é un problema social; e unha segunda parte máis práctica, con consellos para comer mellor e resolución de dúbidas.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.