Ledicia Costas tece a historia de Memi para a Fundación Igualarte
La misión Extraterrestre de Memi é o título do libro que a Fundación Igualarte acaba de publicar, feito por e para os nenos. Escrito por Ledicia Costas a partir das ideas dos cativos e cuxa recadación irá destinada a Asociación Da Man.

A Fundación Igualarte preguntou a cativos de trece centros educativos de Vigo e a súa área que viaxe farían con Memi. A partir das miles de ideas esbozadas polos pequenos a escritora viguesa Ledicia Costas teceu A misión extraterrestre de Memi. A propia autora explica que este é un “traballo colectivo e que foi moi bonito poder ver a realidade a través dos ollos dos nenos”. Marcos Estévez, director de Igualarte, sinala que o libro non vai só dirixido ao público infantil “os adultos poderán reconectar a través de Memi co seu neno interior e recuperar esa frescura para ver as cousas”.
O libro xa se pode atopar na libraría de El Corte Inglés, no posto da Editorial Elvira no mercadiño de Nadal da Alameda ou na propia fundación por un prezo de 10 euros. Tal e como explicou Estévez “Memi nace dos nenos e volve aos nenos”, pois os cartos recadados irán para a Asociación Da Man que desenvolve varios proxectos sanitarios e educativos en Senegal. O proxecto Memi naceu no 2018 e este é o segundo libro editado por Igualarte grazas ao apoio económico de Zelnovia Zeltia. Agardan poder darlle continuidade e editar novos contos no futuro.
Este Nadal que mellor que regalar Memi? Unha viaxe ao noso neno interior a través da creativa mirada dos centos de nenos vigueses que participaron desta iniciativa solidaria.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- A ‘Tertúlia’ de Fillas de Cassandra conquista Pontevedra - 10 Maio, 2026
- Fran Alonso, escritor e editor: «Estamos no fin do modelo capitalista, pero os finais son moi longos» - 28 Abril, 2026
- Anxo Pintos: «Cómpre unha programación municipal que garanta a presenza de grupos galegos» - 1 Abril, 2026
- Anxos Fazáns: «Hai un xesto político en colocar unha muller madura e un rapaz trans no centro da historia» - 25 Febreiro, 2026
- Abraham Boba: «Gustaríame tocar máis aquí, pero non temos onde actuar» - 26 Xaneiro, 2026

