ASNEVES
REVISTA MAIO

Lar Atlántica, un oasis urbano

Elena Coello creou hai sete anos Lar Atlántica, un aloxamento no centro da cidade no que prima a tranquilidade e o máis puro estilo atlántico. Un espazo perfecto para eses amigos ou familiares que veñan pasar uns días a Vigo ou para regalarnos unha noite na que nos mergullar na paisaxe da costa deste lado do océano.

Moito se leva falado do estilo nórdico no mundo da decoración, pero xa non tanto do máis noso estilo atlántico. En 2016, Elena Coello quixo que este estilo contase cun aloxamento no centro de Vigo: Lar Atlántica. Este oasis urbano é ideal para ofrecer unha segunda casa para eses amigos que veñen polo verán, para eses familiares que volven polo Nadal, para eses invitados de voda que aproveitan a conxuntura para facer turismo con vistas ao mar ou para eses eventos de empresa nos que se precise xuntar un equipo.

Lar Atlántica (Urzaiz, 83, 1.º-A) dispón de catro cuartos dobres e tres individuais, un espazo común para tomar un café ou facer un descanso e unha terraza chea de camelias e fentos onde sentar a tomar o sol gozando da tranquilidade dun ambiente adornado co voo das gaivotas. A filosofía estética de cada habitación réxese polas regras do manual de estilo atlántico que Elena deseñou para o seu proxecto Néboa (neboaconcept.com), que quere facer chegar a cultura atlántica ao resto do mundo e que conta cunha paleta de cores de seu: o azul do mar atlántico está en cada esquina do hostal e as paredes están pintadas cun branco especial que trata de emular a característica néboa atlántica e os chans son de madeira de castiñeiro. Non hai maneira máis exquisita de coidar daqueles que nos importan que ofrecendo un espazo cómodo para que se sintan coma na casa, ou concedernos a nós mesmos unha homenaxe en forma de noite na que nos abranguer na paisaxe atlántica en pleno corazón da cidade.

Para coñecer máis sobre este concepto de aloxamento urbano, podémonos subscribir á newsletter de Néboa e empezar a viaxar por diversas paisaxes atlánticas, coñecer a súa arquitectura e explorar a costa Atlántica sen saír da casa. Non hai escusa para non convidar a familiares e amigos a pasar uns días e ensinarlles a nosa cidade fermosa. Lar Atlántica é a nosa casa.

Elena Coello na terraza de Lar Atlántica | P. Vázquez

616 706 948 | @laratlantica | laratlantica.com

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.