La Factoría
Hai ano e medio que, á beira da rúa peonil, se abrían por primeira vez as portas La Factoría, unha aposta firme pola restauración de calidade nunha zona en que non abundan os restaurantes. Aberto de luns a domingo, o establecemento ofrece un menú do día moi variado, petiscos, unha gran variedade de viños e unha terraza ampla disposta para degustar todos estes produtos.
Roberto Castellanos é un dos traballadores, e destaca como puntos fortes a atención ao cliente e a calidade da materia prima que se utiliza para preparar os pratos. Da carta podemos destacar a tortilla con chourizo e tetilla, as luras á prancha, o raxo flamexado con brandy e o queixo gratinado (especialidade da casa), as arepas de porco Duroc ou os tequeños caseiros acompañados por salsa de ron emulsionada. Como se ve, produtos autóctonos e foráneos, tradicionais e modernos, fan bo xugo nesta cociña. Para estas festas prepáranse tres menús grupais diferentes, adaptados ás necesidades de cada un.
Outra das propostas que gozan de moi boa acollida son as catas de viños guiadas, que se organizan unha vez ao mes da man de Juan Costas, responsable da sección vinícola de Hijos de Rivera. Estes eventos, que chegaron a contar con máis de corenta asistentes, son unha boa opción para descubrir novos caldos dun xeito tan instrutivo como ameno.
Rúa de Aragón, 12 | 986 71 41 97 | @lafactoriavigo